O sadismo, unha política de Estado.

A crueldade cos animais precede á crueldade coas persoas e en España é unha política de Estado. E o mesmo Rei de España asiste e preside a tortura de touros nunha praza. Polo visto é cultura. Eu, ignorante da vida da Corte, sempre pensei que cultura era a literatura, o cine, o teatro, a música, a pintura, a escultura, a arquitrectura,… e que o sufrimento dun animal -non digamos xa dunha persoa- non debía nunca ser motivo de festa.

Pero polo visto non. Na miña ignorancia, galega e provinciana, descoñezo -e até me repugna- ese pracer sádico. Que o Estado español fose condenado pola Xustiza europea en numerosas ocasións por tortura (a persoas) é a consecuencia lóxica desas “afeccións”.

“O medo garda a viña”, pensan os estadistas españois de VOX, PP, C’s e PSOE. E o sadismo é unha política de Estado que se aplica á disidencia, ás persoas en paro, ás clases traballadoras, mulleres, feministas, colectivo LGTBIQ+, emigrantes, minorías e diferentes racial, lingüística e culturalmente,…

“E o sadismo é unha política de Estado que se aplica á disidencia, ás persoas en paro, ás clases traballadoras, mulleres, feministas, colectivo LGTBIQ+, emigrantes, minorías e diferentes racial, lingüística e culturalmente,…”

A caza e a pesca son consideradas un deporte e as matanzas gratuitas de animais recordannos o que o poderían facer tamén coas persoas… E, de feito, xa fixeron no pasado. Por suposto, que hai madrileños e españois animalistas.

Pero até niso discrepamos, pois o seu animalismo é radical, extremista. O seu anticlericalismo tamén. Todo en vós é extremista, non sabedes o que é a mornura e, xeralmente, sodes intolerantes.

Por iso reclamo as competencias penitenciarias para Galiza, como xa reclamou a C.I.G.-prisións e outros sindicatos con presenza no noso país, hai tempo; porque queremos facer as cousas a nosa maneira e expresarnos libremente no noso idioma propio.

Funcionario de prisións xubilado, Ourense.