O Rosal acolle a exposición ‘Iguais somos +’

Dentro da campaña de igualdade de xénero organizada pola ANPA

O Rosal | A igualdade este mes está máis presente que nunca en todos os recunchos do Rosal. A Praza do Calvario acolle dende este mesmo mércores ata finais de marzo a exposición ‘Iguais somos +’, unha mostra que forma parte da campaña de igualdade de xénero organizada pola ANPA do CRA María Zambrano co obxectivo de traballar e formar en igualdade tanto a nenos e nenas como ás propias familias. Durante este mes poderán verse colgando do Concello e e da Cámara agraria lonas con imaxes recollidas dentro da iniciativa ao longo dos últimos meses.

Para implicar a nais e pais nesta campaña, ‘Iguais somos +’ naceu con dúas liñas de formación diferenciadas. Por un lado, unha pensada para traballar coas familias realizando pequenos titoriais nos que abordar cuestións como a lectura en igualdade en casa, o uso da linguaxe, conceptos que xiran arredor da igualdade, os videoxogos, a televisión… e outras temáticas que poden interesar a pais e nais para aplicar á educación en igualdade das nenas e nenos da casa.

Por outra banda, o proxecto inclúe unha fase de formación do alumnado en colaboración co profesorado que baixo o nome de ‘Mullerandum’ buscaba achegar ao nenos e nenas a unha escolma de mulleres que poden ser un referente e que foran os propios estudantes os que presentaran estas figuras en casa.

O proxecto completouse con accións como retratos de igualdade en familia ou a realización dun vídeo. Pódese atopar toda a información e os vídeos da campaña na canle de Youtube da ANPA do CRA.

Esta exposición forma parte da programación centrada na igualdade organizada polo Concello do Rosal para todo o mes de marzo e que busca a implicación da veciñanza participando en accións como a colocación das pegatinas do ‘Revolucionando Mentes 8M’ en fiestras e escaparates.

Estas pegatinas poden recollerse na casa consistorial. Ademais, o vindeiro venres 5 de marzo tamén se inaugurará a exposición ‘O traballo non ten xénero’, que irá acompañada dun teito de cristal co que simular as dificultades ás que teñen que enfrontarse as mulleres ao longo da súa vida laboral, social, familiar… polo mero feito de ser muller.