O río Mao na Serra do Xurés será recuperado tras os incendios de 2017

A comunidade de montes de Puxedo, Guende e A Cela permitiron crear a Ruta das Olas

Lobios | A Xunta de Galicia apoiou nos últimos anos con máis de 130.000 euros distintas actuacións na contorna do río Mao, dentro do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, que contribuíron a recuperar parte dos espazos afectados polos incendios rexistrados en outubro de 2017.

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, fixo hoxe un percorrido pola Ruta das Olas do Mao na que comprobou boa parte das intervencións impulsadas pola comunidade de montes de Puxedo, Guende e A Cela entre os anos 2018 e 2025 cun investimento total de preto de 160.000 euros. Con elas restauráronse case 30 hectáreas de superficie afectadas polos lumes e plantáronse máis de 1.500 exemplares de especies autóctonas de ribeira (amieiros, freixos e bidueiros) para a creación de corredores verdes arredor das canles fluviais.

Os proxectos desenvolvidos, ao abeiro das achegas que convoca cada dous anos o Executivo galego para actuar nos parques naturais e nas reservas da biosfera, tamén permitiron rehabilitar catro muíños de auga que estaban en ruínas, construír un miradoiro, unha ponte e un aparcadoiro disuasorio para minimizar o impacto dos visitantes sobre os ecosistemas.

A maiores, creouse esta senda de 6,7 quilómetros na contorna do río para o seu uso e desfrute tanto da veciñanza como dos visitantes nunha aposta polo ecoturismo na que é unha das paraxes de máis beleza do parque natural.

A conselleira, que estivo acompañada pola directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, puxo en valor as axudas que convoca cada dous anos a Xunta para executar actuacións de conservación e valorización do patrimonio natural e cultural dos espazos naturais de Galicia e das súas áreas de influencia socioeconómica.

Achegas en parques naturais
Neste sentido, Ángeles Vázquez salientou a boa acollida que adoitan ter estas achegas na contorna do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés e, especialmente, no concello de Lobios. De feito, na última convocatoria de apoios convocados no ámbito dos parques naturais -de marzo de 2024 para ese mesmo exercicio e 2025- o Executivo galego concedeu ao municipio -entre concello e particulares- máis de 360.000 euros.

Mentres, o parque da serra do Xurés e a súa área de influencia concentrou 83 proxectos (78 de particulares e cinco de concellos) dos 104 aprobados en toda Galicia, correspondéndolle algo máis dun millón dos preto de 1,4 millóns concedidos ao conxunto de proxectos nos parques naturais. Neste sentido, dos 104 proxectos aprobados, 26 son impulsados por particulares, 54 por asociacións, 14 por empresas e 10 por concellos.

A conselleira visitou tamén Pitões das Júnias, en Portugal, para coñecer as iniciativas máis importantes desenvolvidas neste eido na zona pois é unha das áreas de referencia da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés. Ángeles Vázquez apostou por aproveitar as sinerxías entre Galicia e Portugal para avanzar na conservación do patrimonio natural e o desenvolvemento económico sostible arredor da gandaría extensiva e o ecoturismo, entre outras actividades.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.