
Ourense | Eladio Santos, subdelegado do Goberno en Ourense, fixo hoxe balance dos dez anos da instalación do radar de tramo situado entre o punto quilométrico 242,2 e o 246,0 da estrada nacional N-525 (Benavente-Santiago), sentido Santiago, así como da cabina de radar fixo situada no 244,850 da mesma vía, en sentido contrario. Destacou que nesta década se reduciu a mortalidade na zona en cerca dun 90 %.
En concreto, Eladio Santos detallou que nos últimos dez anos houbo un falecido no mencionado tramo nunha colisión ocorrida en 2024 e dúas persoas feridas graves, un motorista de Tráfico en 2022 por unha colisión cun xabaril e unha condutora en 2024 por unha saída de vía. En contraposición, nos dez anos anteriores a 2015 ese tramo rexistrou 9 falecementos e 15 feridos graves, sendo considerada a zona máis perigosa da rede viaria ourensá ata a instalación do radar de tramo.

O subdelegado do Goberno resaltou que as accións como a instalación de dispositivos de vixilancia e control por parte da Dirección Xeral de Tráfico “son medidas eficaces que teñen como fin salvar vidas”. “Os datos que arroxa este aniversario exemplifican que os radares serven para respectar os límites de velocidade, o que diminúe a gravidade dos accidentes”, indicou.
Instalación do radar
O radar de tramo de Gustei (Coles) foi o segundo instalado en España nunha estrada convencional e comprende unha lonxitude de 3 quilómetros e 760 metros. O límite de velocidade do tramo é de 70 quilómetros por hora e segue rexistrando unha importante intensidade media diaria de vehículos, de entre 5.500 e 7.000 ao día.
Tanto o radar de tramo como a cabina precitada empezaron a denunciar infraccións en 2016, pero o 1 de decembro de 2015 foron instalados e os condutores entendían que ambos os sistemas podían estar xa operativos desde esa data. A instalación foi acompañada do asfaltado da vía, a colocación de balizas laranxas e marcas sonoras delimitadoras dos sentidos circulatorios, o que incrementou a seguridade da vía.




