O PSdeG reivindica en Madrid o legado de Pablo Iglesias

O secretario xeral José Ramón Gómez Besteiro esixiulle ao PP recoñecer a memoria histórica en Ferrol

Madrid | O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, defendeu hoxe desde Madrid, con motivo do centenario da morte de Pablo Iglesias, o legado da figura “máis decisiva na historia do movemento obreiro deste país”. O líder socialista, que participou xunto ao secretario xeral da Agrupación de Ferrol, Ángel Mato, nos actos organizados polo PSOE e a UGT, chamou a protexer a memoria democrática “agora máis que nunca”, cando a extrema dereita “e a dereita cómplice” pretenden borrala.

Besteiro tomou parte pola mañá na ofrenda floral do partido e do sindicato na tomba do seu fundador, no cemiterio da Almudena, e pola tarde no acto conxunto de conmemoración, no que interviron os secretarios xerais do PSOE, Pedro Sánchez, e da UGT, Pepe Álvarez. Tras a cerimonia, Besteiro esixiulle ao PP que deixe de impedir a colocación da réplica da placa que Ferrol lle dedicou a Pablo Iglesias tras a súa morte, unha peza realizada por suscrición popular e que ata 1936 se podía ver na fachada do Concello. Logo do golpe, os sublevados destruírona, pero recentemente puido ser recreada grazas ás achegas da militancia socialista ferrolá.

O tamén portavoz do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia lamentou a actitude do goberno municipal do Partido Popular, que se nega a facilitar un espazo público digno para a colocación do monumento, e confrontouna coas políticas do Goberno central, que está a impulsar a declaración de Ferrol como lugar de memoria democrática pola longa historia da cidade en defensa das liberdades.

Tanto Besteiro coma Mato sinalaron que o Partido Socialista se manterá firme na súa demanda ata que a cidade natal de Pablo Iglesias volva honrar ao seu fillo predilecto como merece. De feito, ambos aproveitaron a súa presenza nos actos do centenario para sumar apoios a esa reivindicación entre as federacións e as Agrupacións socialistas e da UGT.

A placa conmemorativa é unha copia da orixinal, elaborada a partir de fotografías que se atoparon hai poucos anos. Pese a que a Agrupación local solicitou que, con motivo dos 175 anos do nacemento de Iglesias e dos 100 do seu pasamento, se situase nun lugar público conforme á súa relevancia, o goberno municipal do PP rexeitou esa posibilidade. Ademais, os populares opuxéronse no Parlamento de Galicia unha iniciativa nese senso, que o BNG tampouco quixo apoiar.

Desde entón, o Partido Socialista recibiu numerosas mostras de apoio procedentes de eidos coma o da memoria histórica ou o da cultura, e incluso se fixeron públicas propostas como que a placa se instale na fachada do actual pazo municipal, xunto á de Concepción Arenal.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.