
Ourense | O grupo municipal socialista vén de rexistrar unha moción en defensa da liberdade de prensa, do dereito á información e do respecto institucional aos e ás profesionais da comunicación, para a súa aprobación na seguinte sesión plenaria que se celebre no Concello de Ourense despois do ataque ao fotógrafo Xesús Fariñas no último Pleno Extraordinario, onde o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, chegou a increpalo e denominalo como “paparazzi”.
O episodio, recollido e denunciado pola Asociación Profesional de Fotoxornalistas de Galicia, pola Asociación de Periodistas de Galicia e polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, non é —segundo lembran as socialistas— un feito illado, senón parte dun “patrón continuado de descualificación, abuso institucional e falta de respecto aos medios”.
A moción incorpora a preocupación polo conflito de intereses que supón que o rexedor, á vez que o máximo representante institucional, sexa tamén propietario dun medio de comunicación privado (Auria TV), substitúa roldas de prensa por vídeos unidireccionais, bloquee preguntas e difunda contidos empregando espazos institucionais como se fosen propios.
“Un ataque a un xornalista é un ataque á democracia e hoxe Ourense vive unha situación que xa non se pode normalizar”, explicou Natalia González Benéitez, voceira do grupo do PSdeG no Concello. “A cidadanía ten dereito á información veraz e plural e os e as profesionais teñen dereito a traballar sen medo, sen insultos e sen ameazas implícitas”, engadiu.
A iniciativa solicita, entre outras medidas: Que toda a comunicación institucional se realice polas canles oficiais da Administración local. O respecto absoluto á liberdade de prensa e ao traballo dos profesionais. O cumprimento da normativa de publicidade e comunicación institucional. A separación real entre o Concello e a actividade privada do alcalde como prestador audiovisual. A aprobación dunha declaración institucional de defensa da liberdade de prensa e apoio aos xornalistas.
Denuncia e solitude de amparo ante a Valedora do Pobo
Neste mesmo senso, as socialistas presentaron, o pasado xoves, unha queixa ante a Valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, na que solicitan un “recurso de amparo institucional” fronte ás restricións á liberdade de prensa e aos ataques contra profesionais da información que se están a producir na Administración municipal dende hai anos.
En dita carta, as edís do PSdeG condean a gravidade dos feitos acontecidos na última semana e ao longo do mandato de Gonzalo Pérez Jácome como rexedor ante a prensa pola vulneración de dereitos fundamentais, principios democráticos e o correcto funcionamento da administración local.
“Os plenos municipais son o espazo de máxima transparencia democrática. Non se pode permitir que se converta nun escenario de opacidade, censura e intimidación contra profesionais da comunicación e/ou membros da Corporación”, recolle o documento rexistrado.
O grupo municipal socialista conclúe que “Ourense merece respecto e merece un alcalde que non utilice a institución para amedrentar nin para tapar a voz dos medios”. Na foto Natalia González Benéitez.




