O proxecto “O fin do Camiño” foi presentado en Castroverde (Lugo)

Inaugurado na Igrexa de Santa María de Vilabade co patrocinio da Xunta

Lugo Foi inaugurada na Igrexa de Santa María de Vilabade (Castroverde, Lugo) a mostra itinerante “O fin do camiño”, organizada polo Colectivo Egeria, e que conta co patrocinio da Xunta de Galicia a través do programa “O teu Xacobeo”. Asistiron o párroco de Vilabade, Nicolás Susena, e Xulio Xiz, presidente do Colectivo Egeria.

Os textos da exposición están redactados en galego, castelán e inglés para xeral comprensión, xa que está dirixida especialmente aos peregrinos, e así a súa programación inclúe numerosos puntos dos Camiños de Santiago, comezando polos fitos do Camiño Francés en Galicia. As fotografías son de dous importantes fotógrafos galegos –Eduardo Ochoa e Carlos Puga- que reflicten especiais visións dos Camiños a Compostela, arredándose das visións turísticas e centrándose nos aspectos humanos e monumentais, dos que se destacan os detalles máis sobranceiros.

Os textos abordan o tema do fin do camiño como expresión dos sentimentos que moven ao peregrino para emprender este Camiño milenario, tendo capítulos especiais para o motor da fe, os máis de mil anos dos camiños, o percorrido cara a unha terra de brumas e de luz. Exprésase a procedencia dos peregrinos de lonxanas terras, polos camiños todos que levan a Compostela… destacando aspectos como que Europa se mira en Compostela, a peregrinación en multitude ou en soidade, os peregrinos singulares ou anónimos, o millón de pasos que constitúe o Camiño Francés, a cadea de fervores que o Camiño supón, para chegar á Capital de Occidente, visitar a tumba do apóstolo, completar un camiño interior reflexo do exterior percorrido, e emprender o Camiño de volta.

Cada panel conta con brevísimas glosas do Camiño de Urbano Lugrís, Dante ou Frei Luis de León; Filgueira ou Pensado; Tirso, Machado, Fraguas, Pondal, Cunqueiro, Torrente, Cervantes, Celso Emilio ou Manuel Rodríguez López.

A mostra está composta por dez paneis dobres, de 2,30×0,80 metros, e ademais do patrocinio da Xunta de Galicia a través de “O teu Xacobeo”, conta coa colaboración da Catedral de Santiago, e da plataforma en internet GaliciaDigital, que desenvolveu a web do proxecto, cos contidos da exposición.

Esta exposición percorreu en 2019 o Camiño Francés, e en 2020-2021 visitará todos os concellos da provincia de Lugo polos que pasan os Camiños de Inverno, Primitivo, Norte e Vía Kunig.