Hai moi poucos días o profesor Barreiro Rivas (USC) escribía que Fernández Albor foi o primeiro presidente da Xunta de Galicia porque “la autonomía es un régimen esencialmente constitucional y parlamentario y no puede tergiversarse, como se intenta hacer, en favor de Castelao”. Fernández Albor é o primeiro presidente da Xunta no marco xurídico-político do Estatuto de Galicia de 1981, como Karlos Garaikoetxea e Jordi Pujol son os primeiros presidentes dos Gobernos vasco e catalán no marco de cadanseus Estatutos de 1979. Mais Catalunya e Euskadi integraron cadanseu goberno no exilio, sucesores da lexitimidade democrática dos seus Estatutos de 1936 e 1932, na súa cadea de transmisión da herdanza das súas anteriores institucións de autogoberno. Galicia só contou coa lexitimidade do plebiscito de 1936 e do Consello de Galiza que o asumiu como institución fideicomisaria.
O Consello de Galiza –constituído o 15.11.1944– e o seu presidente, Castelao, foron as institucións lexítimas e representativas do autogoberno galego, conectando a lexitimidade democrática e estatutaria interrompida polo golpe de 1936 coas actuais institucións. O Consello asumiu a función de representante fideicomisario da dupla vontade política do pobo galego alicerzándose nunha dupla lexitimidade: 1) a vontade electoral expresada nas eleccións de febreiro de 1936 e 2) a vontade estatutaria e plebiscitaria manifestada na aprobación do Estatuto de Autonomía de 1936 (cunha maioría do 74% do electorado) que non puido aplicarse pola Guerra Civil. Ao se constituír, o Consello de Galiza dá continuidade e salva a lexitimidade democrática, republicana e estatutaria de Galicia no exilio, actuando como a máxima institución galega mentres durou a ditadura.
“O Consello de Galiza –constituído o 15.11.1944– e o seu presidente, Castelao, foron as institucións lexítimas e representativas do autogoberno galego”
Esta representación e lexitimidade foron recoñecidas por outras institucións, como reflicten a súa inclusión no goberno da República no exilio (Castelao foi ministro sen carteira no Goberno de José Giral-1946-47, como representante de Galicia como país). Ademais, na Constitución de 1978 permitiuse a Galicia, Euskadi e Catalunya o acceso inmediato ao máis alto nível do autogoberno por ter plebiscitado anteriormente cadanseu Estatuto. O recoñecemento parlamentario do plebiscito, nas Cortes de México de 1945, non tería sido posíbel sen a acción e presenza institucional do Consello de Galiza presidido por Castelao.
Ao seren o Consello de Galiza o lexitimo representante do pobo galego e Castelao o seu primeiro presidente, éste ha ser considerado o primeiro presidente da Galicia autonómica e democrática, xa que encarna a conexión directa e ininterrompida da vontade de autogoberno galega.
“Ao seren o Consello de Galiza o lexitimo representante do pobo galego e Castelao o seu primeiro presidente, éste ha ser considerado o primeiro presidente da Galicia autonómica e democrática”
Outras visións da historia institucional seica pensan que o actual Estatuto de Autonomía de 1981 representa máis ben unha ruptura e non unha simple continuación do interrompido en 1936, o que dificultaría a equiparación directa entre o presidente do Consello de Galiza e o primeiro presidente eleito canda o novo Estatuto. Porén, o recoñecemento unánime do Parlamento de Galicia (15.11.2024, no 80 aniversario da constitución do Consello da Galiza) deulle unha sanción institucional definitiva proclamando, cando menos para os efectos históricos e de lexitimidade, a cualidade de primeiro presidente de Castelao, como tamén recoñeceron as primeiras entidades da emigración galega na Arxentina e no Uruguai canda o PG o 6 de decembro seguinte en Bos Aires.
A memoria democrática esixe afondarmos no grande rol institucional do presidente Castelao e do Consello de Galiza. E, tamén, nos esixe (como vén de afirmar a maxistrada Sandra Piñeiro, presidenta da Audiencia de Lugo) reivindicar, moi potentemente a Antón Alonso Ríos (sucesor de Castelao no 1950 e finado no 1980), como segundo presidente do Consello de Galiza, canda o seu digno soterramento onde lle pertence: no Panteón de Galegos Ilustres, se a súa familia quixer.