“O PP non é insuperable”

Luis Villares | Voceiro de "En Marea" no Parlamento de Galicia

Moncho Mariño | Luis Villares, xuíz en excedencia, é o voceiro de En Marea no Parlamento de Galicia, ademais de selo da organización para Galicia. A súa elección como dito voceiro veu acompañada de visións enfrontadas. Mesmo, algúns medios da prensa galega xa apuntaban sectores “críticos”, opinións lapidarias de persoas con relevancia dentro das confluencias e, posiblemente, unha ruptura das candidaturas cidadás. Villares contestou ás nosas preguntas poucos días despois de ser elixido voceiro de En Marea e tamén respostou cuestións sobre emprego, política e xustiza.

-A súa elección como voceiro nacional de En Marea foi un momento no que agromaron opinións moi encontradas. Que ten vostede para prender paixóns tan diferentes?

Nada en concreto. Só era dar resposta ás demandas dun espazo de confluencia e á vontade das persoas inscritas, segundo como se articula este proxecto. Hai unha maioría que entende que esta é a mellor maneira de articular o proxecto, o mesmo que nas outras forzas coas que estamos construindo o espazo de confluencia. Eu estou a iso, ao que digan a maioría dos inscritos e eu asúmoo con responsabilidade.

-Cal será a estratexia a respecto das persoas que non votaron a favor da súa proposta? Ve difícil falar con eses sectores?

Non, non o vexo difícil. Houbo un desencontro puntual, pero estou convencido que a partir de agora o traballo será en clave de unidade. Compartimos todos o mesmo proxecto político. A función da coordinadora é desenvolver o traballo da organización, cumprir cos mandados estatutarios e coa liña política. Por outra banda, está o Consello das Mareas, onde están todas representadas e que funciona con normalidade. Entre o Consello e a Coordinadora desenvolverán en clave de unidade as liñas políticas de En Marea.

-Vese respaldado como voceiro de En Marea para o plenario que se celebrará nos meses de verán?

Non se trata de refrendar unha persoa. Sería ver se o proxecto está ben encamiñado. Non podemos esquecer a vontade das persoas inscritas. Como espazo de construción dunha candidatura de unidade popular, non podemos obviar o que as persoas votaron. Xa o dixen, estou ao servizo da confluencia, ao que pida de min a maioría en cada momento.

-Pasado xa un tempo, pensa que se puido facer máis na campaña das autonómicas de 2016 ou o PP é insuperable?

O PP non é insuperable, pero a nós faltounos tempo. En Marea xa como espazo consolidado, nace moi pouco antes das eleccións. Iso é un proceso que integra aos políticos que o impulsan e as mareas municipais. Iso dá lugar a un proxecto xenuino, que é a continuación e a evolución dese traballo cidadán de base municipal e co esforzo auxiliar dos partidos. Para poñer en marcha todo isto houbo pouco tempo. É certo que a xente non puido coñecer ben o noso proxecto e tamén faltou tempo para explicalo. Merecer a confianza da xente, é algo que se gaña despois de que as persoas saben dun proxecto. Por iso agora mesmo En Marea está percorrendo o camiño de mostrarse como é, unha forza social.

Merecer a confianza da xente, é algo que se gaña despois de que as persoas saben dun proxecto. Por iso agora mesmo En Marea está percorrendo o camiño de mostrarse como é, unha forza social.

-Considera que a unidade popular está en perigo nestes momentos?

Non, en absoluto. O que fixemos esta semana foi levar áncoras e comezar a navegar como organización. As últimas noticias desta semana avalan que a posición de En Marea é unha posición desexada, con vocación de consolidarse na sociedade. Pedimos unha fiscalía anti-corrupción para Galicia, o PP negouse. O fiscal xeral do Estado recoñeceu que si fai falta, díxoo en sede xudicial en Vigo. En Marea pediu a retirada da Lei de Rexistro Civil que ía deixar a Galicia sen moitos rexistros e xulgados de paz. Ao final o goberno retirou esa proposta. Hoxe comparece o conselleiro de Facenda para falar do diñeiro adicional para infraestruturas en Galicia, recoñecendo xunto coa vicepresidenta do Goberno que si fan falla máis cartos adicionais. Hai uns elementos de discurso que son esenciais que En Marea puxo sobre a mesa. En Marea está marcando a axenda política e levando aos demais ás nosas posicións.

-Eses cartos que virán para Galicia, non os considera como esmolas comparados cos achegados a outros lugares como agora Cataluña?

É o signo máis claro de debilidade e de irrelevancia para Feijoo no PP en España. Un presidente que se comporta como un delegado do goberno, non como un presidente da Xunta. Unha persoa que tiña que facer valer o país, desde que comezou a lexislatura non fixo máis que renuncias. Había unha posición unánime do Parlamento sobre a transferencia da AP 9 e o seu rescate. Non foi quen de que os seus compañeiros o fixeran en Madrid.

-Non foi quen ou non quixo?

Iso haberá que preguntarllo a el. Se non foi quen, demostra debilidade política, se non quixo mostra indignidade no cargo. En tal caso, as consecuencias para Galicia son as mesmas, carecer dunha serie de servizos esenciais para o territorio, conforme os nosos intereses. A AP 9 un caso e o AVE outro. Pero o problema de Galicia non é só o AVE, o principal problema son os trens de cercanías e mercadorías. Esa é a nosa aposta estratéxica a nivel de infraestrutura ferroviaria.

O problema de Galicia non é só o AVE, o principal problema son os trens de cercanías e mercadorías. Esa é a nosa aposta estratéxica a nivel de infraestrutura ferroviaria.

-Isto por que é así?

Feijoo non cre en Galicia, non a ve como país e por tanto, non concibe unha estratexia integral. É increible que tendo portos exteriores, non os teñamos funcionando con conexións ferroviarias. Non é aceptable non termos un porto seco que almacene as mercadorías que cheguen por barco e que se podan transportar por tren. Non é aceptable non ter tren de cercanías que vertebren todo o país, como todo o Eixo Atlántico, e non todo, porque entre Coruña e Ferrol é unha vergoña. O mesmo co FEVE no norte de Galicia. Este tipo de liñas son o que lle fai falta a este país.

-O AVE era tan necesario?

O AVE para nós era unha infraestrutura secundaria. O esencial para nós era a infraestrutura ferroviaria que describín antes.

-Tomando como referencia o tema da AP 9. Existe “feeling” entre os grupos da oposición?

Sobre o tema da AP9 teño que dicir que desde hai un tempo, nós estamos denunciando unha “trama” non explicitada no día a día a redor da construción da A 57. Unha autovía que segundo a lei de Estradas do Estado, discorrerá entre A Coruña e Porriño, e segundo os tramos licitados e as variantes en estudo, vai ir paralela á AP 9. O custo, no caso de que se faga un continuo, sería de 1.200 millóns de euros. Con que sentido? Esa é a pregunta que nos facemos. Presentamos unha iniciativa xa en trámite, para que todos os grupos se posicionen arredor disto. PP e PSOE calan, o BNG no tramo que pasa por Pontevedra di que é unha circunvalación. Nós dicimos que é o que é, segundo o nexo segundo da lei de Estradas do Estado. É unha autovía. Non sei sei aí coincidiremos todos os grupos, pero en xeral temos bo feeling. Sinto que o PSOE non tivese a sensibilidade política de apoiar a comisión de investigación de Angrois.

-Sobre este último tema, Angrois, quen se está defendendo de que?

O PP estase a defender da súa xestión no accidente. Evita así que investiguen aos responsables políticos do ADIF. O PSOE deféndese dunha etapa anterior na construción da obra, na época de José Blanco. Fronte a isto cabe obxectar que as vítimas teñen dereito a saber a verdade. Como cidadanía de Galicia, o Parlamento debe investigar todo aquilo que interese ao país. Débese coñecer a verdade para reparar as vítimas, para que se houbo fallos non se repitan, se existen responsabilidades políticas, non necesariamente penais, debe quedar constancia dunhas decisións que tiveron unhas consecuencias dramáticas, e iso é moi duro.

-Se facemos unha comparación, tería que haber un cambio de goberno como na Comunitat Valenciana, para que haxa unha investigación que clarifique todo isto?

Non debería, pero ás veces é o único camiño. O cambio de posición política vén determinado pola mobilización social. As mobilizacións sociais poden tumbar mesmo posicións de maiorías absolutas. No caso de Angrois tería que pasar iso? Sería triste pero ás veces esta xente aprende a golpes de presión.

-Cal é a análise que fai En Marea sobre a sanidade pública e os e as traballadoras do sector?

Existe unha pretensión de desmantelamento da sanidade pública. Iso vai en detrimento da calidade do servizo e dos dereitos das persoas. Isto tamén trae perda de calidade no emprego público. Sobre o hospital Álvaro Cunqueiro, o Consello de Contas, que non é de En Marea, díxo no seu informe que privatizar a xestión non trouxo aforro de custes, pola contra, empeorou a calidade do servizo, incrementando as listas de espera. O mito da xestión privada como boa alternativa na sanidade, quedou desmontada mesmo polo Consello de Contas. Nós dicimos que a privatización da sanidade pública é entregar os mesmos recursos, pero que sendo unha empresa privada, sempre queda cunha parte dese diñeiro que era para eses recursos. Iso faise reducindo orzamentos para calidade asistencial e recursos materiais. A xestión economicista na sanidade trouxo como consencuencia por exemplo o caso da Hepatite C. Aí temos dúas persoas investigadas, por homicidio imprudente, non só por prebaricación, por negar un medicamento non por razóns médicas senón orzamentarias. Mete medo pensar que o doente estaba xunto ao medicamento e non o puido tomar por cuestións orzamentarias. O discurso de En Marea vai por restaurar o público no ámbito da sanidade.

A xestión economicista na sanidade trouxo como consencuencia por exemplo o caso da Hepatite C. Aí temos dúas persoas investigadas, por homicidio imprudente, non só por prebaricación, por negar un medicamento non por razóns médicas senón orzamentarias. Mete medo pensar que o doente estaba xunto ao medicamento e non o puido tomar por cuestións orzamentarias.

-Como xuíz en excedencia, cal é a súa valoración do estado da xustiza diante dos escándalos de corrupción que están sendo xulgados?

A xustiza está atada de mans pola falta de medios persoais e materais. Desta maneira a xustiza galega non pode actuar correctamente en moitos casos. Segundo os últimos datos, a carga de traballo nos xulgados pode sobrepasar nalgúns casos o 120 ou 150 por cento, en termos de riscos laborais. No caso da corrupción é necesaria moita dedicación e moitos profesionais que auxilien aos xuíces. O ámbito con maior índice de corrupción está na concesión de servizos públicos. Pois iso precisa dun alto grao de coñecementos técnicos sobre contratación administrativa.

-Defende En Marea a implantación da renda mínima?

Defendemos a implantación dunha Renda Básica Universal na que, polo feito de ser persoa, deberíase ter dereito de acceso a un mínimo vital. Pensamos que iso supón unha igualación por abaixo nas condicións de vida de todas as persoas. A partir de aí deberían entrar en xogo outros mecanismos de igualdade, pero iso sería un bo punto de partida.

Defendemos a implantación dunha Renda Básica Universal na que, polo feito de ser persoa, deberíase ter dereito de acceso a un mínimo vital.

-Para a activación do mercado laboral en Galicia, que lle van esixir ao goberno galego?

Os datos do desemprego din que baixa 1.33% no estado e un 0.88% en Galicia. Feijoo queda retratado como ese mal xestor fronte á imaxe contraria que construira. Nós promulgamos que a recuperación da economía tense que facer con recuperación de dereitos. Porque ese emprego sen dereitos, non crea seguridade na xente. Máis flexibilidade no mercado laboral crea inseguridade nas expectativas de futuro da xente moza. Iso é unha das consecuencias, perda de capital humano nunha idade produtiva e reprodutiva. O devalo demográfico é un síntoma. Debemos crear unha economía con oportunidades de traballo, con dereitos para que as expectativas melloren.

-Como ve o futuro nestes catro anos que quedan de lexislatura?

Vexo un futuro no que o PP seguirá sen unha estratexia económica e social en clave de país para Galicia. Temos unha mostra no sector da automoción. Non hai unha relación fluida co Norte de Portugal. Non se fai política para asentamento de empresas. Todo isto indica que imos ter catro anos de desnortamento completo. Fronte a isto imos ver un proxecto político que se consolida, En Marea. Logo dun período de impugnación dos elementos do sistema, vai articular unha política para beneficio das maiorías sociais. Imos formular respostas a todos os elementos necesarios para crear un estado de opinión diferente ao que existe. Somos conscientes que En Marea é o referente en defensa dos dereitos das persoas e dos dereitos fundamentais, pero tamén queremos ser o referente de carácter económico e social. Queremos que a xente vexa en nós unha esperanza.

Nado en Xove. Redactor en medios online, gabinetes de prensa, campañas electorais e bolseiro en medios radiofónicos. Desenvolvemento de proxectos web municipais e posicionador SEO. Blogueiro, community manager e investigador.