O Porriño potencia o seu voluntariado internacional

Unha ducia de mozos españois conviven durante este verán

O Porriño | Atraídos polo súa contorna natural, o seu patrimonio e cultura locais, a súa gastronomía e a súa localización estratéxica, unido todo elo á experiencia da convivencia e novas amizades, unha ducia de mozos procedentes de diferentes puntos de España escolleron O Porriño para pasar un par de semanas do verán.

A súa estadía na capital da Louriña enmárcanse no Campo de Voluntariado Internacional organizado dende o Concello do Porriño ao abeiro da Campaña Modo Verán Activo da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia.

Nesta edición o campamento céntrase nos sendeiros do Louro, así os voluntarios traballan, da man da Asociación Verdegaia, no coidado e limpeza deste río e os seus afluentes, con intervencións centradas principalmente na retirada de lixo e especies invasoras. A estadía deu comezo este pasado domingo e hoxe os participantes recibiron a visita do alcalde Alejandro Lorenzo e do concelleiro de Xuventude, Antonio Barros.

“É unha honra para O Porriño celebrar un verán máis un campamento desta índole que acolle na nosa vila a mozos e mozas de fóra das nosas fronteiras, o que lle dá valor á nosa aposta por un modelo de lecer saudable, sostible e con impacto social. Seguiremos traballando para que a xuventude teña oportunidades de implicarse, aprender e desfrutar do noso municipio”, sinalaba o alcalde. Nesta ocasión, dous dos participantes son galegos, un de Redondela e outro de Ourense, e os demais veñen das comunidades autónomas de País Vasco, Castela e León, Castela A Mancha, Madrid e Andalucía.

Ademais, este grupo de mozos está a coñecer de primeira man a biodiversidade do último afluente do Río Miño e de zonas de interese como as Gándaras de Budiño. “Este tipo de iniciativas demostran que a mocidade está comprometida co medio ambiente e aberta a vivir experiencias enriquecedoras. Dende o Concello queremos ofrecerlles espazos nos que poidan participar activamente na protección do noso patrimonio natural e, ao mesmo tempo, coñecer a nosa vila e facer comunidade”, explicou o concelleiro.

Todas estas intervencións realízanse en horario de mañá e ás tardes resérvanse para realizar actividades de lecer e tempo libre na contorna urbana da vila, así como excursións por toda a comarca.

Estes doce mozos que se aloxan nas instalacións do CEIP Plurilingüe Antonio Palacios alongarán a súa estancia no Porriño ata o vindeiro día 21 de agosto.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.