O Porriño aposta pola enerxía limpa

Proxecto innovador de autoconsumo enerxético colectivo a través dun investimento de máis de 113.000€

O Porriño | O Concello do Porriño vén de adherirse ao proxecto PR-RENOINN Concellos + Renovables I, unha iniciativa innovadora promovida pola Deputación de Pontevedra e presentada ante o Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), co obxectivo de impulsar o autoconsumo colectivo con sistemas de almacenamento e garantir a participación de consumidores vulnerables.

O proxecto permitirá avanzar cara a un modelo enerxético máis sostible, eficiente e tamén inclusivo, reducindo o consumo eléctrico, os custos asociados e as emisións de CO2, ao tempo que se combate a fenda enerxética.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, sinalou que “este proxecto supón un paso firme na aposta do Concello polas enerxías renovables e pola sustentabilidade. O rexedor destacou ademais que “o autoconsumo colectivo permítenos optimizar os recursos públicos e avanzar cara a un Concello máis eficiente e responsable co medio ambiente”.

O custo total das actuacións previstas ascende a 113.654,09 euros, dos cales 64.440,50 euros serán financiados a través dunha subvención do IDAE con cargo aos fondos Next Generation EU; a Deputación de Pontevedra achegará 24.975 euros, mentres que o Concello do Porriño asumirá os 24.238,59 euros restantes con fondos propios.

Deputación e Concello xa asinaron o convenio para levar a cabo os traballos de instalación e posta en funcionamento dunha instalación fotovoltaica de autoconsumo colectivo no pavillón municipal de capacidade máxima de 99,99 kWp, composta por 185 paneis solares de 540 W, así como dun sistema de almacenamento de enerxía de 50 kWh mediante baterías de litio. A instalación contará tamén cun sistema software de monitorización, que permitirá controlar en tempo real a produción e o consumo enerxético.

O proxecto inclúe ademais a participación obrigatoria de consumidores vulnerables, que representarán polo menos o 10 % da enerxía producida, garantindo así un acceso máis xusto e sostible á enerxía renovable e contribuíndo a reducir a fenda enerxética no municipio.

Con esta iniciativa, o Concello do Porriño reafirma o seu compromiso coa transición enerxética, a innovación e a sustentabilidade, avanzando cara a un modelo de desenvolvemento máis respectuoso co medio ambiente e socialmente responsable.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.