Tui | O Festival Internacional de Cinema Play-Doc, que celebrará a súa 21ª edición do 7 ao 11 de maio na cidade de Tui, Galicia, anuncia as películas que formarán parte da Competición Internacional desta nova entrega do certame, así como o xurado encargado de outorgar os premios.
Caracterizada, como é habitual en Play-Doc, pola presenza de cineastas que apostan polo risco formal e a constante experimentación, a Competición Internacional contará este ano cos novos traballos de Camilo Restrepo, Marta Mateus, Julen Etxebarria, Jean-Claude Rousseau, Ben Rivers, e das duplas de dirección formadas por Margaux Dauby e Raúl Domingues, e Pierre Creton xunto con Vincent Barré.
Os filmes seleccionados son:
• Sincero, apaixonado, de Margaux Dauby y Raúl Domingues (Francia/Portugal, 2025)
• El tercer paisaje, de Julen Etxebarria (España, 2024)
• La Chambre d’ombres, de Camilo Restrepo (Francia, 2024)
• Fogo do vento, de Marta Mateus (Portugal/Suiza/Francia, 2024)
• Flamenco, de Jean-Claude Rousseau (Francia, 2024)
• Bogancloch, de Ben Rivers (Reino Unido/Alemaña/Islandia, 2024)
• 7 promenades avec Mark Brown, de Pierre Creton y Vincent Barré (Francia, 2024)
O xurado encargado de entregar os premios estará composto polo distribuidor e produtor franco-austríaco Pierre-Emmanuel Finzi, o cineasta estadounidense C.W. Winter (The Works and Days, The Anchorage) e a estratega francesa de distribución en festivais Pascale Ramonda. Nas vindeiras semanas anunciaranse tamén a Competición Galicia e o resto da programación, que incluirá proxeccións especiais, eventos e actividades paralelas. Con anterioridade, Play-Doc xa adiantara as retrospectivas e focos dedicados a Elaine May, Monte Hellman, Michael Roemer, así como unha selección de clásicos restaurados do cinema da India pola Film Heritage Foundation.
Encontro profesional sobre políticas audiovisuais públicas
Actividade dirixida a profesionais do sector: cineastas, produtoras e responsables de festivais. Como parte do seu compromiso co desenvolvemento do sector, Play-Doc organiza tamén actividades profesionais orientadas a fortalecer o ecosistema audiovisual. Unha delas será un encontro sobre políticas audiovisuais públicas, que se celebrará o sábado 10 de maio ás 11:30 h na sede do festival en Tui.
Coordinada polo Grupo CP2 da Universidade de Vigo, esta sesión ten como obxectivo reforzar os vínculos entre institucións e profesionais do ámbito audiovisual para construír un ecosistema máis sólido, diverso e sustentable.
O encontro contará coa participación de representantes dos principais organismos de apoio á produción e difusión audiovisual —AGADIC, ICAA e MEDIA—, que presentarán as súas principais liñas de financiamento e explicarán os obxectivos estratéxicos das súas políticas no ámbito galego, estatal e europeo. A seguir abrirase un espazo de diálogo co público para compartir dúbidas, experiencias e reflexións sobre os retos e oportunidades do sector.
A actividade é gratuíta, previa inscrición mediante correo electrónico aquí, indicando nome e perfil profesional.