O pedagogo José Paz recibe a título póstumo a Medalla de Ouro da Provincia de Ourense

Pola “súa traxectoria cultural, o seu carácter renovador e o seu compromiso con Ourense

Ourense | O profesor José Paz recibiu, a título póstumo e nun solemne acto celebrado no salón de plenos da Deputación de Ourense, a Medalla de Ouro da provincia. Unha medalla que distingue “a un insigne ourensán que decidiu consagrar a súa vida ó ensino e á investigación. Paz foi un pedagogo que fixo da súa vocación un arte e ao mesmo tempo destacou como erudito, principalmente no estudo do poeta, dramaturgo, artista e filósofo Rabindranath Tagore”, asegurou Manuel Baltar, que presidiu o acto.

O presidente do goberno provincial definiu a José Paz (1948-2021), “como un traballador infatigable, aberto e disposto a axudar a todos os que o trataron, fosen alumnos ou non, deixando unha verdadeira escola de discípulos”. E ponderou tamén a vertente de dinamizador cultural e social de Paz, remarcando “a súa estreita vinculación ó Cineclube Padre Feijóo -hoxe cúmprense 50 anos da clausura da primeira Semana do Cine de Ourense, pioneira en Galicia e xérmolo do OUFF-, ou programa Ourense Lúdico, que organizou, ó longo de dezaoito anos co apoio da Deputación de Ourense”.

Enmarcado como herdeiro de Ben-Cho-Shey, “ó que estivo fortemente vencellado pola condición de ensinantes, José Paz investigou e fomentou tradicións ourensáns”. E en paralelo, lembrou Manuel Baltar, “dende a tese de doutoramento na UNED, pasando por innumerables artigos en publicacións especializadas e na prensa galega ata a súa incorporación á Visva-Bharati University e viaxando todos os anos a Santiniketon converteuse no meirande especialista hispano en Tagore, ese home que tamén tanto interesou a outro grande ourensán como Risco, e que é un protagonista da historia da cultura mundial na primeira metade do XX”.

Creación dun Centro Tagore en Ourense
O presidente da Deputación lembrou a súa última reunión con José Paz, en xaneiro de 2021: “Naquel encontro seguín descubrindo no profesor a un ser excepcional, honesto e cheo de bondade que contaxiaba ilusión, a pesar da cruel enfermidade que logo acabaría coa súa vida”. Naquela reunión, sinalou Manuel Baltar, “fixo especial fincapé en trasladarme a súa preocupación polo destino da súa rica biblioteca, integrada por volumes especializados en pedagoxía e didáctica, etnografía, historia do cine e, sobre todo, en Tagore”.

“O desexo de Xosé Paz era sumar apoios institucionais e mecenazgo privado para establecer en Ourense un centro de investigación onde depositar o seu valioso legado bibliográfico para que as novas xeracións continuasen estudando e analizando, dende Ourense e á luz do século XXI, a enorme creatividade e o singular pensamento de quen foi distinguido co Premio Nobel de Literatura en 1913”, sinalou Manuel Baltar.

O presidente da Deputación renovou, “diante da súa familia e de todos vostedes, o meu compromiso de traballar para contribuír á rede de Centros Tagore espallados polo mundo. Será, sen dúbida, a mellor homenaxe que poidamos ofrecerlle a quen tanto deu, sen pedir nada a cambio”.

O presidente da Deputación rematou a súa intervención cun “coñecido e profundo pensamento de Tagore compartido, naturalmente, por Xosé Paz e polos homes e as mulleres que constituímos a Ourensanía: o amor á terra na que nacemos é o significado último do que somos e de todo o que fixemos. Non se trata, non, dun sinxelo sentimento; é a verdade, a beleza e a razón de sermos como somos, a orixe de toda creación”.

Laudatio do catedrático Iván Carlos Area
No acto estivo presente a viúva de José Paz, Ana María Nóvoa; os seus fillos Jorge, David e Nuria; a súa nora Marta e un neto. En representación da familia, David Paz, sinalou tres verbas: agradecemento, pena e fortuna.

“O agradecemento a todas as persoas que impulsaron este acto de xustiza, a pena pola ausencia do meu pai, a persoa que tiña que estar aquí recollendo esta medalla; e fortuna, esa palabra que axuda a sobrelevar a ausencia, porque todas as persoas que convivimos con el podemos sentirnos afortunados de ter a Pepe Paz”.

O acto celebrado no salón de plenos da Deputación contou coa presenza do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o delegado da Xunta, Gabriel Alén; senadores, deputados provinciais; representantes do mundo da universidade e a cultura; familiares e amigos do homenaxeado como Isaac Alonso Estraviz -tamén Medalla de Ouro da provincia- ou José Luis Fernández Carnicero.

O catedrático de Matemática Aplicada na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo da UVigo, Iván Area, foi o encargada de ler a laudatio, destacando na súa intervención o perfil social, cultural e político do homenaxeado. “A súa vida e as súas obras son as dunha persoa de acción cun infinito amor polo noso país, a súa patria”, sinalou Area, que remarcou como “combinando a súa paixón de procurador de libros e o seu amor pola profesión de docente, e pola súa familia, a lingua, Portugal ou a India, deron unha figura inesquecible”. Parafraseando a Carvalho Calero, rematou, “sem os sonhos, sem as utopias, a realidade tende a fosilizar-se en formas esgotadas”.

En tanto, o vicepresidente segundo, César Fernández, como instrutor do expediente de honra aberto despois de que a distinción fora concedida por unanimidade pola Deputación no pleno do 28 de maio de 2021, fixo un repaso pola traxectoria intelectual do homenaxeado, ao que se recoñece coa Medalla de Ouro da provincia por “unha longa traxectoria cultural marcada polo seu carácter renovador no ensino e reivindicativo no idioma, que converteu nun referente tanto dentro como fóra dos límites da nosa provincia”.

O apartado musical do acto estivo a cargo de Manuel Brañas, que acompañou a apertura do acto á gaita coa “Marcha do Antergo Reino de Galicia”, interpretou a zanfoña a “Xota de Moialde” e pechou a homenaxe co “Ourense no solpor”, o Himno de Ourense composto por Manuel de Dios.

Estudoso de Tagore e moi vinculado á realidade cultural e social de Ourense
Nado na Corna, en Piñor, en 1948, José Paz licenciouse en Pedagoxía na Complutense cunha tese sobre Bemposta e doutorouse pola UNED cunha tese sobre Tagore. Profesor en Ourense, exerceu como mestre na Escuela Normal e foi docente na Universidade de Vigo e na UNED de Pontevedra.

Figura importante na cultura ourensá, sempre estivo moi ligado ao mundo do cine a través do Cineclube Padre Feijóo e mantivo unha importante presenza na prensa escrita e revistas especializadas.

Defensor do lusismo e renovador pedagóxico, introduciu o concepto de ludoteca en Ourense, a través do programa Ourense Lúdico, desenrolado durante 18 anos co apoio da Deputación de Ourense. Implicado coa Festa dos Maios ou o Magosto, tamén destacouse na defensa do Teatro Principal, para evitar que fora privatizado. Adicou parte da súa vida a estudar a Tagore, chegando a reunir unha biblioteca de máis de 30.000 volúmenes sobre este intelectual universal, sempre coa intención de poder constituír en Ourense un centro de estudo e pensamento tagoriano.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.