O Nadal comeza este 2 de decembro en Ponteareas

Coa iluminación e 1.700 elementos decorativos na vila e nas parroquias

Ponteareas | O Nadal chega esta fin de semana a Ponteareas. O Concello convida a toda a veciñanza a participar no tradicional acendido da iluminación, que será este venres 2 de decembro. Ás 18.00 horas comezará a animación nas rúas con personaxes de Nadal, e a continuación producirase o acendido dende a Praza Bugallal.

Este ano, o Concello colocou arredor de 1.700 elementos de iluminación cos que encher de luz e cor Ponteareas durante estas datas. Só no centro urbano, arredor de 50 rúas, prazas e edificios contan con pezas decorativas que ambientan estes espazos cun alumeado singular, innovador e moi atractivo para o público con motivos moi variados.

Ademais, o Goberno municipal continúa coa súa aposta por achegar a decoración de Nadal a todas as parroquias, onde se colocarán arcos luminosos nos lugares céntricos de cada unha delas.

Son case 2.200 metros cadrados de iluminación e máis de medio millón de luces micro-led, cos que se creou unha perfecta ambientación Nadal nas rúas ponteareás cun alumeado sustentable e eficiente enerxeticamente grazas ao uso de novas tecnoloxías. Entre as grandes novidades da decoración está a recentemente renovada Praza de Bugallal, que estrea alumeado de Nadal por todo o alto: con 1.100 caídas luz que enchen todo o espazo de luminosidade.

Este acto dará o pistoletazo de saída á programación das festas de Nadal que se dará a coñecer nos vindeiros días, na que, como vén sendo habitual, “haberá un amplo abano de actividades de lecer dirixidas a público infantil, familiar e adulto para desfrutar destas festas sen ter que saír da vila, cunha oferta pensada e deseñada para todas as idades e todos os gustos”, como sinala o concelleiro de Eventos, Miguel Bouzó.

Unha programación que unida a un alumeado cada vez máis atractivo polas rúas de Ponteareas servirá, sen dúbida, “para dinamizar a actividade tanto do comercio como da hostalaría local, axudando e colaborando cos establecementos locais nunha das campañas máis importantes de todo o ano na que traballamos man a man co sector comercial”, explica a concelleira de Promoción Económica, Eva Gil.

Volve o Centro de Interpretación do Tea, CITEA
O Centro de Interpretación do río Tea, CITEA, retomou a súa actividade cunha visita de usuarios e usuarias da asociación Avelaíña, que puideron gozar dun percorrido guiado pola exposición deste centro e dun obradoiro ambiental sobre a diversidade natural do Tea.

Situado na casa cultural de Fozara, “con esta iniciativa dende o Concello poñemos en valor toda a riqueza medioambiental, patrimonial e etnográfica que temos nos arredores das beiras do río, ás veces grandes descoñecidas para a veciñanza”, como sinala a concelleira de Medio Ambiente, Rosa Covelo.

O CITEA ofrece visitas guiadas a grupos concertados de público xeral e xa traballa para realizar actividades cos centros escolares ponteareáns no vindeiro 2023, como visitas á exposición, rutas guiadas e obradoiros de educación ambiental.

Neste centro o público visitante atopará paneis informativos sobre a flora e a fauna, así como información sobre a historia, usos e costumes vinculadas ao río Tea, diferentes vídeos temáticos e unha maqueta do curso do río Tea dende Suido ata a desembocadura na Fillaboa. No exterior das instalacións hai ademais un panel didáctico dixital de uso táctil para todas as persoas visitantes que se acheguen cando non estea aberto ao público. Covelo anima a toda a veciñanza a concertar unha visita por grupos a estas instalacións para coñecer máis polo miúdo a biodiversidade tanto animal coma vexetal que alberga o río Tea, declarado Lugar de Interese Comunitario e incluído na Rede Natura 2000.