O IES Rosalía de Mera da Coruña acollerá a 44 refuxiados ucraínos

Por iniciativa da Deputación da Coruña

Deputación da Coruña | A Deputación da Coruña pon a disposición do Goberno de España 44 prazas no IES Rosalía Mera para acoller a refuxiadas e refuxiados da grave crise humanitaria que atravesa Ucraína pola invasión rusa.

Nas últimas semanas, a administración provincial estivo a realizar obras urxentes de acondicionamento da residencia estudantil do IES Rosalía Mera para dispoñer dun total de 22 habitacións dobres, que poderán dar acollida a 44 persoas refuxiadas da guerra de Ucraína, e púxose en contacto co Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migrancións para transmitirlle a dispoñibilidade deste equipamento residencial na cidade da Coruña.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou hoxe as instalacións recentemente adaptadas acompañado das deputadas de Benestar Social e Educación, Ana Lamas e Sandra González e da presidenta de Cruz Vermella na Coruña, Mercedes Casanova, entidade coa que se formalizará un convenio para que se faga cargo da xestión temporal deste espazo de acollida.

Valentín González Formoso anunciou que “na residencia deste instituto da Deputación vamos a acoller con toda a ilusión do mundo a varias familias de persoas refuxiadas ucraínas” e explicou que este proceso tamén servirá como “referencia” para “as administracións locais ao longo e ancho de Galicia que están pendentes de como concretar ese acollemento”.

“Farémolo de forma ordenada, regulada, dun xeito digno para as familias que van a ser acollidas e en coordinación con Cruz Vermella, á que agradecemos a súa colaboración tanto neste campo como noutros”, engadiu.

Residencia de primeira acollida
Segundo o establecido con Cruz Vermella a estancia das persoas que cheguen, que se concretará nos próximos días e que está previsto que a maioría sexan nais con menores, será de primeira acollida co obxectivo de realizar un plan de inserción das familias individual e en función dos seus intereses, que poden ser tanto permanecer na cidade, trasladarse a outra, a outros países ou retornar a Ucraína cando sexa posible.

A Deputación prestará, a través de Cruz Vermella, o apoio técnico e económico que sexa necesario para a atención das persoas acollidas e esta entidade está a realizar agora mesmo os trámites para atender ao grupo de acollida con persoal especializado como son profesionais de traballo social, psicoloxía, mediación, etc. O programa de intervención que se implantará traballará para a inserción integral: social, laboral, escolar… de todas as persoas que integren o grupo.

Unha residencia totalmente equipada
A residencia estudantil do IES Rosalía de Mera foi preparada de urxencia nas últimas semanas para dotala de todos os equipamentos necesarios para este proceso de acollida. Conta cun total de 22 habitacións con baño individual, con capacidade para 44 persoas, ofertándose tamén a cobertura de necesidades básicas como a alimentación, lavandería, mobiliario, conexión a Internet, etc.

Ademais, conta con zonas comúns como salas de estar, de xogo, biblioteca, sala de televisión, comedor, cociña – office, despensa, sala de computadoras, habitacións e despachos para os profesionais que se encargarán da xestión.

A Deputación da Coruña xa conta con experiencias previas neste eido. Na década dos 90, durante o conflito dos Balcáns, colaborou co Goberno Central nun programa de acollida de refuxiados bosnios, que permitiu que trece familias con vinte menores procedentes de Skopje.