O Goberno Local rexeita a existencia dunha “persecución” contra a empresa Ecocelta

NOTA DE PRENSA
Respecto ás novas aparecidas na prensa en relación coa empresa Ecocelta e a intención desta empresa de “tramitar unha querella criminal contra o alcalde de Ponteareas por un presunto delito de prevaricación” o alcalde ponteareán quere matizar o seguinte:
O Concello de Ponteareas, no seu momento, concedeulle unha licencia provisional de actividade a Ecocelta de cara a non entorpecer a súa actividade empresarial e que esta puidera acceder ás axudas que a administración autonómica outorgaba a este tipo de actividades. Feito este que amosa con toda claridade que non existiu, en ningún momento, ningún tipo de traba nin entorpecemento para que dita empresa comezase a súa actividade.
O “suposto delito de prevaricación” ao que fai referencia á empresa, daríase no caso de que o alcalde non fixera caso dos diferentes informes emitidos pola oficina técnica, pola asesoría xurídica e polo técnico de medio ambiente, todos eles desfavorables. En ditos informes dábase conta da falta de cumprimento de requisitos, aínda que algúns deles foron aportados durante a longa tramitación do recurso presentado.
A día de hoxe falta por examinar o cumprimento da legalidade urbanística derivada das múltiples solicitudes de licencia de obra solicitadas polo empresario.
O Goberno Local volve a reiterar que se detectou que dita empresa realiza actividades non amparadas pola licencia provisional outorgada, algo contrastado pola arquitecta municipal e polo propio Alcalde de Ponteareas.
Os veciños, en ningún caso piden o peche e cese de actividade da empresa, senón que se corrixa os vertidos que se realizan e os malos cheiros procedentes da manipulación de lodos.
Non existe, por parte do Concello de Ponteareas, ningún tipo de “persecución” xa que o único que se protexe é o cumprimento estrito da legalidade, como se lle esixe a calquera empresa ou particular, e se a súa actividade ocasiona prexuízos aos veciños, deberá a empresa aplicar as medidas correctoras precisas.
Por último, o alcalde de Ponteareas, Salvador González Solla, pídelle á empresa que deixe de “terxiversar e manipular ás informacións” xa que, asegura o titular da Alcaldía, “sabe perfectamente que a sentencia ditada polos tribunais, non indican que se lle outorgue a licencia de actividade, senón que se continúe coa tramitación da mesma”.