O Entroido de Verán regresa á Cañiza

Este 26 de xullo con 1.500€ en premios

A Cañiza | A Vila da Cañiza prepárase para celebrar este sábado 26 de xullo de 2025 a IV edición do «Entroido de Verán», un evento organizado polo Club Balonmán Cañiza en colaboración co Concello da Cañiza, e no que participa tamén a Asociación de Comerciantes.

O Alcalde Luis Piña anunciou esta mañá o acordo acadado entre o Concello da Cañiza, o Club Balonmán Cañiza e a Asociación de Comerciantes para apoiar economicamente esta edición do Entroido de Verán. En concreto, o Concello achegará un total de 1.500 euros en concepto de premios, que serán entregados en forma de vales de compra de 10 €. Estes vales poderanse trocar nos comercios da Cañiza ata o mes de outubro de 2025 (excluíndo establecementos de hostalaría). Este acordo enmárcase no esforzo do Concello por apoiar o pequeno comercio de proximidade e dinamizar a economía local a través da celebración de eventos culturais.

As actividades comezarán a partir das 11:30 horas na Praza Maior, onde estará instalada a zona infantil con xogos, pintacaras e inchábeis. Ás 12:00 horas dará comezo a sesión vermú polo centro da vila, coa presenza do pulpeiro e a música en directo da Charanga Imperiais.

Ás 13:00 horas, o cañicense David Gesteira, produtor do podcast «Descifrando a historia» e autor do libro «Historia de Galicia en 30 obxectos», será o encargado de dar lectura ao pregón dende a Praza Maior, no que descubrirá anécdotas e curiosidades da historia local.

Xa pola tarde, a partir das 19:30 horas, celebrarase o esperado desfile e concurso de disfraces, que partirá da rúa Botica e percorrerá as rúas ata chegar á Praza Maior, onde o xurado escollerá os mellores disfraces e comparsas para repartir os premios financiados polo Concello. Para participar no desfile é precisa inscrición previa no teléfono 616134560.

Durante a xornada tamén haberá actividades complementarias como a elección do escaparate e do balcón mellor decorado do entroido. A noite estará animada por unha sesión de música electrónica a cargo de DJ Michi, DJ Charli, Saúl Gallego, Gabryd, Khris Guez, Diego Mei e Vince Stone, que ofrecerán unha sesión remember da discoteca Lesothum.

Podes consultar toda a información sobre o percorrido do desfile na páxina de Facebook do Entroido de Verán.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.