O dereito de vivirmos en galego.

Cadernos da viaxe.

A lóxica do Estado español é beneficiar ao castelán e limitar o galego e, tamén, ao euskera e ao catalán, malia que nestes dous casos cadanseu Poder autonómico compensa, nunha pequena parte, a abafante omnipresenza do castelán na Administración de Xustiza, no mundo empresarial, na publicidade e na comunicación e fición audiovisuais.

Unha desaquelada desproporcionalidade, tendo en conta que somos un País no que sabemos falar galego o 89%, mentres un 53,3% aínda fala só ou nomeadamente galego e só o 24% fala sempre castelán.

O problema de base xurídica é que a Constitución só recoñece o deber xeral de coñecer o castelán. Mesmo o Tribunal Constitucional declarou inconstitucional no 1986 a obriga de coñecer o galego, euskera e catalán recoñecida en cadansúas leis de normalización lingüística.

“O problema de base xurídica é que a Constitución só recoñece o deber xeral de coñecer o castelán”

O mesmo Tribunal Constitucional e o Tribunal Supremo foron minorizando estas linguas cooficiais, impedindo que fosen de uso preferente e esixindo na práctica un uso subordinado e minorizado ao do castelán. Xuices e fiscais poden exercer na Galicia sen coñecer o galego (velaí porque nun país con eses níveis de uso da nosa lingua só o 6-7% das sentenzas redáctanse en galego), mentres algúns médicos apelan a un suposto dereito á ignorancia que prexudica gravemente a relación coa persoa doente.

Son lexislacións, xuriprudencias e políticas baseadas na idea dunha España monolingüe na que as outras linguas constitúen unha incomodidade. Mesmo hai xente no centro peninsular que pensa que falamos galego (ou catalán) por amolar. E esta idea proxéctase nas persoas que veñen traballar a Galicia dende Hispanoamérica ou territorios monolingües do Estado. Hai poucos días, o porteiro de orixe mesetaria dun local de lecer nocturno dunha cidade galega espetáballe a dous meus amigos que presentaban o pasaporte Covid “estamos en España y en España sólo se habla español”.

Tamén hai poucos días unha mandadeira de orixe hispanoamericana, con varios anos de exercicio laboral na capital de Galicia, espetáballe a unha clienta logo de lle entregar o pedido “no me hables gallego que no te entiendo…”. Unha vez máis os preconceitos xerados en Madrid que se proxectan nas mentes de milleiros.

Para que se respecte o noso dereito de vivirmos en galego todas as persoas que aquí residen e traballan, cando menos, haberían amosar unha comprensión pasiva da nosa lingua. Mudar de código lingüístico é razoábel cos turistas e transeúntes, mais non se xustifica coas persoas residentes.

“Para que se respecte o noso dereito de vivirmos en galego todas as persoas que aquí residen e traballan, cando menos, haberían amosar unha comprensión pasiva da nosa lingua”

As persoas intelixentes ollan sempre para a lúa e non para o dedo que a sinala. No Estado español a lingua A, a privilexiada, é o castelán. Que o balbordo non nos confunda.

Advogado. Colabora en varios medios galegos.