“O coñecemento sobre este libro ao mellor se produce máis adiante e grazas ao boca a boca”

Helena Domínguez | Investigadora
Helena Domínguez é autora do libro “A Construción Mediática do Conflito. O Caso de Resistencia Galega”.

Helena Domínguez é a autora do libro “A Construción Mediática do Conflito. O Caso de Resistencia Galega”. Neste documento faise unha investigación sobre o tratamento desde a perspectiva dos medios sobre o grupo Resistencia Galega. O traballo realiza unha comparación sobre o tratamento informativo desde a perspectiva de medios asentados en Galicia con liñas editoriais diferentes.

Que motivación te levou á redacción primeiro dunha tese e logo do libro A construción mediática do conflito. O caso de Resistencia Galega?
Eu estudei xornalismo aínda que nunca me gustou o xornalismo “mainstream”, o máis recoñecible, senón aquel xornalismo ás marxes do sistema ou a comunicación alternativa. Estudei en Santiago e iniciei o doutoramento en Barcelona e no barrio onde vivía había un centro social moi activo e unha incidencia moi grande de okupación de edificios. Esa okupación non estaba ligada á pobreza senón que era de tipo reivindicativo e de activistas.
En vista daquilo, decidín facer unha tesiña sobre a comunicación do movemento okupa por ser un movemento á marxe do sistema.
Era un movemento con propostas económicas diferentes e outro modelo de cidade e por iso traballei sobre ese tema. Cando rematei a tesiña volvín para Galicia onde debía facer a tese e de aí que o tema estar ubicado aquí. Investiguei a okupación e non tiña o peso que podía ter en Cataluña. Logo fixeime en que se había un equivalente galego aos centros sociais barceloneses en Galicia eran os centros vinculados ao independentismo, sobre todo os das cidades. Así fun estudando o independentismo e os centros sociais e descubrín que se buscaba facer un traballo sobre o movemento okupa aquí, tiña que ser sobre o independentismo.

Como foi ese proceso?
Primeiro fixen unha comunicación sobre a prensa independentista para un congreso. Así analicei o Galiza Livre, Diario Liberdade e Novas da Galiza. Despois desa primeira comunicación tiven que ampliar o coñecemento sobre o tema e ao final pensei que non daría para unha tese. Entón xurdiu todo o tema de Resistencia Galega, xa existía, mais comezaba a ter moita repercusión daquela.
Na TVG comezaron a aparecer noticias sobre isto e pareceume que había tanta manipulación e mesturaban tantas cousas que ao final decidín coller ese tema porque sentín que me permitirían falar de todos aqueles temas con interese para min.

“Primeiro fixen unha comunicación sobre a prensa independentista para un congreso. Así analicei o Galiza Livre, Diario Liberdade e Novas da Galiza”

Foi doado contactar con persoas relacionadas co ámbito do independentismo?
Basicamente comecei os contactos por Internet. No caso de Galiza Livre, collín o correo de contacto e escribín un contacto e así con todos. Logo dos correos, chamadas e ao final contactos persoais en varias cidades para facerlles entrevistas. Cos centros sociais tamén contactei e a resposta foi boa.
Cando despois comecei o estudo de Resistencia Galega pecháronse portas, cousa que entendo, pois todo o mundo daquela, tiña medo a verse involucrado ou pensaban que non gañaban nada falando. Isto aconteceu con persoas tanto do independentismo como as que foran acusadas de estar involucradas polos xornais e logo demostrarse todo o contrario. Realmente esa era a xente que me interesaba, as persoas acusadas e que só tiñan un activismo militante.

“Cando despois comecei o estudo de Resistencia Galega pecháronse portas, cousa que entendo, pois todo o mundo daquela, tiña medo a verse involucrado”

Cal sería o motivo desas acusacións contra persoas que non estaban vinculadas a Resistencia Galega?
Foi un “aviso a navegantes” para esas persoas. Houbo unha estratexia de “extensión do fenómeno terrorista”. Isto foi de tal maneira que comezaron a ser sospeitosas de terrorismo actividades sociais, activismo independentista ou aquilo que se apartaba do sistema. Estas persoas foron sinaladas como terroristas para cortarlle as ás ao movemento independentista.

Cando preparaches a tese, o tema foi ben recibido dentro do mundo académico?
O que foi a presentación e defensa, moi ben, sobresaliente cum laude. A partir de aí o traballo non tivo percorrido academicamente falando. Despois da tese traballei moito en reaxustala para transformala nun libro máis ameno do que é un texto académico. Non recibín convites para presentalo en centros como a facultade onde defendín a tese. O libro saíu durante a pandemia e o seu percorrido foi nos centros sociais alternativos. Non houbo interese académico por el.

Coñeces cal foi a recepción que tivo dentro do nacionalismo parlamentario e outros grupos nacionalistas sen representación parlamentaria?
Non o sei porque non tiven ningún feedback. O único feedback foi o dos centros sociais a onde acudiron persoas militantes máis á esquerda do nacionalismo institucional. Xente dos movementos sociais alternativos. O único que puiden ver foron algunhas críticas en prensa en galego que resultaron boas críticas. En tal caso, o coñecemento sobre o libro ao mellor se produce máis adiante e grazas ao “boca a boca”, imaxino.

“En España os medios están moi politizados, todos sabemos dalgunha maneira, que os medios teñen certos intereses e certo servilismo ou deben pagar certos favores á política”

Cales serían as conclusións a onde poden chegar as persoas que lean o teu libro?
Poden sacar a confirmación dalgunhas intuicións relacionadas co control dos medios de comunicación e as relacións entre política e medios. En España os medios están moi politizados, todos sabemos dalgunha maneira, que os medios teñen certos intereses e certo servilismo ou deben pagar certos favores á política. Non só se verá que cada medio ten a súa ideoloxía, algo que é lícito, senón que a poden utilizar para destruir ideas alternativas. Non digo que non fagan bos traballos, só que no caso do nacionalismo e independentismo galego fan unha distorsión da realidade rechamante.

Nado en Xove. Redactor en medios online, gabinetes de prensa, campañas electorais e bolseiro en medios radiofónicos. Desenvolvemento de proxectos web municipais e posicionador SEO. Blogueiro, community manager e investigador.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Outros artigos