O Concello da Guarda adheriuse á iniciativa “Concellos Emprendedores”

Un paso máis para reactivar o polígono empresarial A Guarda-O Rosal
O Concello guardés adheriuse a esta iniciativa grazas a un convenio asinado coa Xunta e a FEGAMP.

A Guarda | A iniciativa “Concellos Doing Business Galicia-Concello Emprendedor” resulta dun convenio asinado entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para fomentar a implantación e fixación de empresas en Galicia. Os concellos que queiran participar desta iniciativa han de adherirse ao protocolo.

A adhesión a este protocolo compromete aos concellos a aprobación de bonificacións de ata o 95% nas ordenanzas fiscais do IBI, do IAE e do ICIO, para actividades económicas declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias de fomento do emprego, para supostos que impliquen nova implantación dunha actividade económica ou empresarial, ou ampliación das instalacións existentes.

Estas bonificacións estableceranse en función de parámetros de creación de emprego segundo os seguintes tramos:

  • Ata o 95 % pola creación de máis de 20 postos de traballo.
  • Cando menos o 75 % pola creación de entre 11 e 20 postos de traballo.
  • Cando menos o 50 % pola creación de ata 10 postos de traballo.

Ademais o Concello da Guarda manterá o compromiso de resolución das solicitudes de licenza de obra maior nun prazo máximo de 30 días naturais, dende que o concello dispón da documentación completa e de todos os informes sectoriais preceptivos.

No caso da Guarda estanse poñendo os medios para favorecer a chegada de novas empresas, sempre pensando no futuro desenvolvemento do chan empresarial. Por outra banda a adhesión ao protocolo tamén permitirá ao concello participar en liñas de axuda, promovidas pola Xunta, para impulsar o emprego de calidade, o emprendemento e a innovación.