O compositor vigués Juan Durán asiste en Sober a estrea mundial da súa obra “Cinco miniaturas machadianas”

A estrea correu a cargo da soprano Sara López Porta e do pianista Pablo García Berlanga

Sober | O compositor Juan Durán asistiu en Sober (Lugo) á estrea mundial baixo a súa presenza da súa obra ‘Cinco miniaturas machadianas’, unha fermosa composición para soprano e piano. A obra estreouse nunha xira de dous concertos en León e Sober, pero é a primeira vez que soou en presenza do seu creador. A estrea correu a cargo da soprano Sara López Porta acompañada do pianista Pablo García Berlanga, no marco dun recital lírico organizado polo Concello e as Xuventudes Musicais de Sober.

López e García interpretaron a obra ‘Cinco Miniaturas Machadianas’, formada polas pezas: ‘Los olivos grises’, ‘En la parda encina’, ‘Noche castellana’, ‘Canta, canta en claro ritmo’ e ‘El río despierta’.

Juan Durán (Vigo)
Está considerado pola crítica e polo público como o compositor galego máis importante da súa xeración e de máis proxección internacional, cun catálogo no cal a ópera e a música sinfónica e sinfónico-coral conviven cunha importante produción de música de cámara e Lied, ademais dun gran número de arranxos e orquestracións de música popular galega.

Escribiu obras encargadas polas dúas grandes orquestras galegas, a Real Filharmonía de Galicia e Orquéstra Sinfónica de Galicia, así como tamén polo Consello da Cultura Galega, do IGAEM, o Concello de Vigo e a Fundación BBVA, que estreou recentemente as súas obras ‘Paseando medo Madrid’ e ‘Cervantina’ coa Orquestra da Comunidade de Madrid.

Autor de ‘O arame’, a primeira ópera galega en máis de cento anos, Premio da Crítica no 2009 e que se chegou a estrear en Oxford o 2017, é tamén autor da restauración da ópera Inés e Bianca de Marcial del Adalid e dun importante catálogo de obras orquestrais, entre as cales destacan as máis recentes ‘Cantiga Finisterrae’ para múltiples voces de luz, ‘Albada de noite e luz’ e ‘Pórtico da Isla de Monteagudo’.

A súa obra soa con frecuencia por todo o mundo, desde Europa e Estados Unidos, ata varios países do Sur de América (Arxentina, Brasil, Chile, México) pasando por Hong Kong e Tailandia, e baixo a dirección de grandes batutas do noso tempo, como as de Osmo Vanska, Pietro Rizzi, Edmon Colomer, Juanjo Mena, Víctor Pablo Pérez i Antoni Ros- Marbà, entre outros.

Destaca a presenza da súa música en auditorios e festivais tan importantes como Auditorio Nacional de Madrid, Fundación Gulbenkian de Lisboa, Instituto Cervantes de Nova York, Teatro Amadeo Roldán de Cuba, Festival de Ópera de Benicasim, Temporada Lírica de Palma de Mallorca, Aula Magna da Universidade de Chile e Teatro do Lago a Frutillar, tamén en Chile.

Juan Durán obtivo o Premio da Crítica 2009, premios da Cultura Galega 2013, e Premio Raíña Sofía 2018, así como os premios de composición da Universidade Carlos III de Madrid e do Festival Internacional de Música Española de León, entre outros. Foi profesor do Conservatorio Superior de Música da Coruña entre 1987 e 1997, é membro fundador da Asociación Galega de Compositoras -creada o 1987 e da cal foi presidente- e membro da sección de Música e Artes Escénicas do Consello da Cultura Galega.