Nun clarividente artigo sobre a guerra en Ucraína escrito en outubro de 2022, o analista Rafael Poch-de-Feliu, quen fora correspondente do diario La Vanguardia en Rusia e China, explicou algunhas variables escasamente tratadas nos mass media pero que define unha óptica asertiva sobre o que está sucedendo na contorna internacional. Poch-de-Feliu identificou como unha das claves do pulso ruso-occidental ao feito de que estábamos asistindo ao “choque das oligarquías”. A escala global, este enfoque pode igualmente ampliarse se incluímos neste pulso de poder ás oligarquías chinesas e incluso as da India.
Seguindo con este enfoque podemos considerar que estamos observando que a arquitectura do poder global deseñada por Occidente trala II Guerra Mundial, cada vez menos efectivo, atopa agora fortes competidores, neste caso dentro do espazo euroasiático. Sinálase aquí países con grandes riquezas naturais e poderío militar (Rusia); e poder económico, tecnolóxico, demográfico e militar (China e unha ascendente India) Con menor incidencia pero non menos relevancia deben engadirse outros actores de peso, algúns deles condicionados polas sancións occidentais (Irán, Corea do Norte) pero aliados dese eixe euroasiático sino-ruso; e outros actores emerxentes (Brasil, México), ás veces afiliados, outras contestatarios, con Occidente.
O audaz proceso de transformación exhibido na Rusia post-soviética e na China post-maoísta implicou o fortalecemento de elites de poder con clara vocación de expansión global. Este “choque de oligarquías” ofrece un mapa de cambios onde Occidente se nega a asumir o seu declive histórico mentres Eurasia e Oriente piden paso toda vez, como no caso chinés, argumentan que o peso dos cambios históricos lles favorecen tras case dous séculos de predominio (e de desprezo) por parte dun Occidente reacio a aceptar como “primus inter pares”, en igualdade de condicións, a estas oligarquías en ascenso de Moscova, Beijing ou Nova Delhi. Como competidores efectivos para desafiar esa hexemonía atlantista, en Occidente, con epicentro Washington, enfilan agora o “hacha da guerra” como estratexia que lle permita, cando menos, neutralizar esta competencia in crescendo desde Oriente.
Este choque entre elites atlantistas e euroasiáticas defínese igualmente a través dos imperativos xeopolíticos, onde entran en xogo outras variables non estritamente limitadas pola riqueza económica. Convén por tanto non aplicar recursos reduccionistas á hora de analizar a natureza destas oligarquías que expliquen a súa dinámica unicamente en criterios de poder económico ou financeiro. O poder do Estado, as identidades nacionais, relixiosas, culturais, etc tamén entran en xogo e definen moitas desas dinámicas políticas.
“Este choque entre elites atlantistas e euroasiáticas defínese igualmente a través dos imperativos xeopolíticos, onde entran en xogo outras variables non estritamente limitadas pola riqueza económica”
Os casos ruso e chinés son significativos nesta dirección. A Rusia de Putin ten operado unha transformación de poder na que as outrora poderosas oligarquías post-soviéticas, ávidas de riqueza express en medio do saqueo dos bens estatais (como foron os casos de oligarcas como Boris Berezovsky e outros tantos durante a década de 1990) foron progresivamente desprazadas do equilibrio de poder unha vez Putin e os seus “oligarcas” chegaron ao poder no Kremlin.
Impoñéronse así nomenklaturas mais vinculadas coa operatividade do Estado, con experiencia nos servizos de seguridade e de intelixencia, nas Forzas Armadas e na estrutura política e burocrática. Nun claro cambio de imaxe co respecto aos anteriores “oligarcas”, as actuais elites actúan en clara concordancia cos intereses nacionais. A estas novas elites en Moscova se lles denominan os siloviki, estreitamente ligados ao círculo de poder en torno ao presidente Putin e con capacidade para trazar o futuro de Rusia, cando menos ata mediados deste século XXI.
No caso chinés, esas oligarquías económicas e burocráticas vense inseridas dentro das estruturas de poder do Partido Comunista Chinés que, baixo o modelo de “partido-Estado”, articula o seu peculiar sistema socialista aderezado cun modelo capitalista de control estatal con fidelidade aos intereses nacionais. Non esquezamos este dato: nos últimos 30 anos aproximadamente 800 millóns de chineses saíron da pobreza, converténdose en clases medias-altas con vocación de competitividade e alcance global.
O recente cumio da OCX en Tianjin (China) interpretou a concreción de intereses entre China, Rusia e India, tres potencias a nivel militar, tecnológico, económico e demográfico, o cal pode igualmente traducir a concreción de intereses desas oligarquías euroasiáticas. A Intelixencia Artificial chinesa asúmese como o principal competidor tecnolóxico para Occidente mentres os grandes poderes dos holding empresariais estadounidenses e europeos comezan a observar que os seus competidores asiáticos (principalmente chineses e indios) están posicionándose con forza nos mercados globais, principalmente en América Latina, África e sueste asiático, con esquemas de cooperación bilateral “ganar-ganar” sen desestimar a sempre necesaria captación de recursos. Occidente xa non é, por tanto, o paradigma do desenvolvemento.
“O recente cumio da OCX en Tianjin (China) interpretou a concreción de intereses entre China, Rusia e India, tres potencias a nivel militar, tecnológico, económico e demográfico, o cal pode igualmente traducir a concreción de intereses desas oligarquías euroasiáticas”
Tamén está o tema dos liderados políticos e a súa relación coa sociedade. Os líderes occidentais en EEUU e Europa vense contrariados por elevados índices de impopularidade, unha opinión pública fiscalizadora da xestión gubernamental e os equilibrios institucionais. Unha radiografía moi diferente ao que podemos observar nos casos de Putin, o chinés Xi Jinping e o indio Narendra Modi. Os seus liderados obsérvanse, cando menos, incontestables a mediano prazo, con relevantes índices de popularidade e escasos resortes de fiscalización do seu poder.
Neste pulso de oligarquías obviamente non se desestiman os focos conflitivos (Ucraína, Gaza, Taiwán) e as súas respectivas dinámicas. Aquí entran na escena imperativos xeopolíticos clave como a soberanía e as esferas de influencia. A globalización económica e cultural imperante desde a década de 1980 vese claramente contrariada polo retorno dos proteccionismos e dos intereses nacionais.
“Neste pulso de hexemons oligárquicos, hai lugar para a rebelión popular, para a construción ‘doutro mundo posible’?”
Visto en perspectiva o contexto actual aborda unha “guerra entre capitalismos” de oligarquías en disputa, neste caso o atlantista e o euroasiático, coas súas inevitables diferenzas de sistemas políticos, económicos e sociais. Nesta loita polo control do capitalismo global, as elites, independentemente da súa orixe xeográfica, teñen os mesmos intereses e as mesmas aspiracións, definidas en canto ao control hexemónico, sexa unilateral, multipolar ou multilateral. Agora ben,: neste pulso de hexemons oligárquicos, hai lugar para a rebelión popular, para a construción “doutro mundo posible”?