O centro de fauna silvestre do Veral (Lugo) terá novo edificio

A reforma terá un importe de 477.500 euros
Reunión explicativa no complexo do Veral.

Lugo | A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de adxudicar as obras de reforma do Centro de recuperación de fauna silvestre (CRF) do Veral, en Lugo, por un importe de 477.500 euros.

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, visitou o complexo e explicou que se vai acometer unha renovación completa das actuais instalacións, incluíndo a construción dun novo edificio.

O proxecto recolle a demolición de varias edificacións e a reordenación das dotacións, de forma que se mellora a conexión entre dependencias e a eficiencia no traballo. En concreto, derrubaranse a caseta da actual oficina e as instalacións destinadas a azoreiras e mudas, e integraranse cos novos espazos a zona de especies acuáticas con estanque, unha cámara de voo que permanece illada, tres cámaras de voo mais pequenas que se reformarán para incorporalas á edificación principal e un edificio illado destinado actualmente a cociña e almacén, que se manterá como zona de baldeo.

“O centro do Veral, que xestiona a Consellería, ten como fin o coidado e restablecemento dos exemplares de fauna silvestre autóctona”

O centro do Veral, que xestiona a Consellería, ten como fin o coidado e restablecemento dos exemplares de fauna silvestre autóctona que no estean en condicións de subsistir por si sós no medio natural.

A prioridade é devolver a estes animais ao seu hábitat ou, cando non sexa posible, integralos en programas de conservación ex situ ou de educación ambiental. É o único en Galicia que dispón de instalacións axeitadas para a recuperación de osos e acolle unha das primeiras piscifactorías que se construíron en España.

Nova edificación
O edificio principal estruturarase en dous módulos; un administrativo, no que se realizará a recepción dos animais, o tratamento e a atención veterinaria; e outro para a recuperación inicial dos exemplares e os servizos de atención.

Este último distribuirase nunha cámara para mamíferos, unha cámara de voo, seis azoreiras, tres salas de mudas, tres estancias para nocturnas, un almacén, unha sala para necropsias e as tres cámaras de voo xa existentes, que se conservan parcialmente. Ademais, o futuro centro contará cun túnel de voo —unha zona libre para voar, valada en todo o seu perímetro e cuberta con malla metálica— para facilitar que as aves recuperadas poidan practicar antes de devolvelas ao medio natural.

A zona de acuáticas existente conservarase e complementarase con dúas piscinas, aínda que o actual valado será modificado no lugar onde se encontra co recinto das piscinas, para darlle acceso directo.