O BNG leva o conflito do SAF Ponteareas ao Parlamento Galego

A deputada Cristina Fernández Davila presentará iniciativas

Ponteareas/BNG | A deputada do BNG no Parlamento Galego e concelleira en Ponteareas, Cristina Fernández Davila, rexistrou nos pasados días iniciativas parlamentarias para esclarecer as actuacións da Xunta ante o conflito aberto na localidade co Servizo de Axuda no Fogar. As traballadoras acumulan xa 55 días de folga, reivindicando condicións laborais dignas e o cumprimento do contrato por parte da empresa concesionaria.

Fernández Davila solicitou coñecer as comunicacións realizadas polo Concello á Inspección de Servizos Sociais da Xunta, así como os resultados das investigacións realizadas pola propia inspección tras a denuncia da representación sindical das traballadoras.

Dado que se trata dun servizo dependente da Consellería de Política Social da Xunta, a deputada do BNG urxiu ao goberno galego explicar “as medidas que ten previsto adoptar para corrixir todas as incidencias que está a provocar a empresa concesionaria coa complicidade do goberno de Nava Castro, e garantir a calidade dun servizo do que dependen ducias de persoas maiores e dependentes”.

O BNG insiste na necesidade de actuar con contundencia na defensa dos intereses municipais, apostando pola rescisión do contrato dunha concesionaria que está incumprindo as súas obrigas e mantendo ás traballadoras e traballadores en condicións precarias.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.