O AVE.

Xosé-Bieito Coello Coello

Fai uns días, lin un artigo do enxeñeiro Xosé-Carlos Fernández, no que dicía que a Ministra de Transportes, Raquel Sánchez, no viaxe de inauguración do “AVE” a Galicia, nos vendía este transporte como unha inversión de 9.040 millóns de Euros para Galicia.

Primeiro dicir que aínda falta moito para que este medio de comunicación sexa un “AVE” de verdade, pois so vai chegar a Ourense neste intre, e ata esta localidade aínda ten 118 Km de vía única e un pequeno tramo dende Taboadela que hai que facer cun novo trazado. Dende Ourense a Coruña ou Vigo tamén aínda hai que transformar o ancho das vías a medida europea.

E vender o “AVE” a Galicia como unha inversión nesta comunidade non é serio, parece que dende Madrid nos queren tratar de tontos. Polo menos deica Olmedo tamén vai ser compartido por Asturias, Euskadi e Castilla-León e ata Zamora tamén sirve para esta cidade. Tendo en conta isto e que algúns tramos do trazado de Ourense efectivamente son caros, non máis que o tramo de Pajares por exemplo, a inversión do AVE en Galicia non chega a metade do que di a Sra. Ministra.

Porqué non facemos ó revés, chamámoslle o AVE a Madrid e lle adxudicamos toda a inversión a aquela comunidade?

Por certo debería de tomarse a decisión de non seguir gastando enormes cantidades de diñeiro en AVES radiais, salvo os que están en execución e gastar en vías de tren circulares como o eixo atlántico, os trens de proximidade ou as conexións cos portos.

Incluso o AVE Ourense-Vigo por Cerdedo sería un despilfarro, pois non se xustifica un gasto semellante para aforrar quince minutos pasando por Santiago.

Outros artigos