O alumnado estuda o percorrido do seu futuro camiño escolar

Acompañados dos técnicos e do profesorado o alumnado do CEIP Mestre Ramiro Sabell analiza o traxecto

Ponteareas | Acompañados dos técnicos da coooperativa de arquitectos e arquitectas, da Policía Local, protección civil e da concelleira de Ensino, ademais de outros membros do goberno en funcións, o alumnado do CEIP Mestre Ramiro Sabell saíu hoxe de andaina para estudar sobre o terreo o percorrido do camiño escolar seguro polo que ir á escola a pé ou en bicicleta gozando do contorna en compaña ou en solitario.

O punto de saída fixado foi o parque forestal Ferro-Ucha, dende o que camiñaron ao seu centro de ensino para comprobar in situ os perigos e as melloras que deben realizarse para que este traxecto sexa unha ferramenta máis para fomentar a autonomía persoal do alumnado.

Esta iniciativa promovida pola concellería de Ensino e apoiada pola Deputación de Pontevedra centra a súa atención nas necesidades de desprazamento sostible do alumnado ao seu centro escolar.

En liña coas premisas marcadas na estratexia europea “Ponteareas, Hábitat Saudable”, este novidoso proxecto fomenta a práctica da mobilidade a pé ou en bici en traxectos seguros e cotiáns e prioriza o dereito dos e das escolares a moverse con liberdade.

Cristina Fernández explica que o camiño escolar supón un cambio no concepto da nosa vila e na relación da infancia co entorno e vai dende o Colexio ata o parque forestal Ferro-Ucha aínda que no seu deseño contemplaránse todas as posibles rutas que precisa o alumnado.

“A intención é que os e as escolares, a partir dunha idade, acudan á escola en medios activos (andando ou en bicicleta), sós ou en compaña de amizades, veciñanza ou familiares”.

Este proxecto baséase nunha metodoloxía de traballo participativa na que nenas e nenos, nais e pais, profesorado, veciñanza, asociacións, Policía Local, Protección Civil, Concello e Deputación traballan de xeito conxunto para que a cooperativa de arquitectos vaia materializando o deseño dun camiño que pode cubrir incluso as necesidades de máis alumnado como os dos institutos. Co alumnado traballouse os venres ata maio e cada 15 días cos representantes das nais e pais, Policía Local, Protección Civil, voluntariado e técnicas do concello.

“Os camiños escolares axudan a construir unha contorna amigable, melloran a cohesión social, a seguridade viaria, reducen o tráfico tanto no traxecto como nos accesos aos centros e a contaminación, melloran o medio e fomentan hábitos de vida saudables, ademais de ser máis divertidos e atractivos para a mocidade e a infancia”.
Fernádez Davila felicita e agradece a toda a comunidade educativa a boa acollida do proxecto e á Deputación o seu apoio ao valorar positivamente esta proposta na que conseguiron reflectir a necesidade de permitir á infancia e mocidade desprazarse sacándolle partido a cada recuncho e facendo seus traxectos deseñados por e para eles.