Tui | Hoxe tivo lugar na Comandancia Naval do Miño o acto de Entrega de Mando ao capitán de corbeta Pablo Redondo Belzunce. Estivo presente no acto o almirante de Acción Marítima, Juan Luis Sobrino Perez-Crespo e o capitán saliente, Juan Díaz Rodríguez, xunto a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba.
A subdelegada de Goberno, Maica Larriba, participou hoxe no acto de Entrega de Mando ao capitán de corbeta Pablo Redondo Belzunce. Estivo presente no acto o almirante de Acción Marítima, Juan Luis Sobrino Perez-Crespo e o capitán saliente, Juan Díaz Rodríguez, a quen Larriba quixo adicar unhas palabras.
A subdelegada destacou de Díaz Rodríguez o seu compromiso e labor á fronte da Comandancia Naval do Miño. “Foi un último ano e medio complicado, que nos serviu para comprobar os efectos que ten restablecer unha fronteira da cal xa nos esqueceramos. Porque por fortuna este río que hoxe temos ás nosas costas e que un día serviu de fronteira natural, co paso do tempo converteuse nun nexo de unión entre ambas beiras, e sobre todo, nun eixo de cooperación transfronteiriza”, explicou en declaracións Larriba.
“A subdelegada lembrou tamén o Tratado de Límites, que ano a ano rubrica cada país e que hoxe é un acto de irmandade entre ambos pobos”
A subdelegada lembrou tamén o Tratado de Límites, que ano a ano rubrica cada país e que hoxe é un acto de irmandade entre ambos pobos. “O que fai séculos separou aos dous estados hoxe serve como nexo de unión e permite unha xestión dos recursos naturais desde o punto de vista da solidariedade e a sostenibilidade”, afirmou Larriba.
A subdelegada quixo tamén poñerse a disposición do novo capitán, ao que lembrou “que sempre poderá contar coa colaboración desta subdelegada e de toda a Subdelegación do Goberno de Pontevedra”.
Por outra parte, o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, recibía esta mañá na casa do concello ao novo comandante naval do Miño, Pablo Redondo Belzunce, ao almirante de Acción Marítima, Juan Luis Sobrino Perez-Crespo, e ao capitán saliente, Juan Díaz Rodríguez, a quen lle transladou o seu agradecemento e o de toda a cidade pola súa labor ao fronte da Comandancia Naval do Miño. Ademais obsequioulle cun recordo conmemorativo da súa estancia na cidade durante o tempo que permaneceu no cargo.
A Comandancia Naval do Miño
A Comandancia Naval do Miño foi creada no ano 1989 polo R.D. 1333/88 no cal se establecían as zonas marítimas e a división do litoral en provincias e distritos marítimos.
O mesmo decreto estableceu que esta Comandancia Naval desempeñe os labores encomendados á Armada en virtude dos acordos entre España e Portugal relativos ao Tramo Internacional do Río Miño.
Adscritos a esta Dependencia quedan o patrulleiro de vixilancia interior “Cabo Fradera”, o cuartel e vivenda de Tui, os destacamentos navais establecidos ao longo do río (Camposancos, Forcadela, Salvaterra e Arbo), e os botes e embarcacións menores asignados ás citadas dependencias.
Como herdeira da antiga “Ayudantía Militar de Mariña” e do “Cuartel Cabo Fradera”, a Comandancia asumiu tamén as funcións de ambos, facéndose cargo da xestión administrativa do río —expedición de licenzas de caza e pesca, control de obras realizadas nas marxes do río e da explotación dos recursos naturais — e das funcións de vixilancia no Miño.