O 6 de novembro de 1975, o Rei de Marrocos lanzou a “Marcha Verde”, coñecida como “Marcha Negra” polos saharauís.

A mobilización, o 6 de novembro de 1975, de miles de colonos marroquís enardecidos polo discurso do seu rei Hassan II, precedidos por un despregamento militar con claras instrucións, foi unha manobra acordada de antemán, meditada con tempo e maquinada para lograr o obxectivo sen estorbos. Esa estampa, que foi gravada, fotografada e documentada desde unha barreira segura polos medios españois, franceses e marroquís, é o que permaneceu na memoria de gran parte da sociedade española sobre os acontecementos ocorridos fai tan só 46 anos. Iso é o que vendeu a prensa instalada coas súas trípodes fronte aos colonos que enarboraban bandeiras do seu país. Aí é onde estaba o espectáculo pero non onde se estaba producindo a invasión militar do Sahara.

A invasión prodúcese uns días antes, o 31 de outubro, a 300 quilómetros do espectáculo da Marcha Verde, cando os rexementos de tanques e blindados do exército de Marrocos invadiron o Sahara Occidental, comezando por Hauza e Djederia (ao este Smara). O exército marroquí aniquila a todo ser vivo e oculta os cadáveres dos saharauís en fosas comúns.

A finais de outubro de 1975, España, Marrocos e Mauritania, coa protección e o amparo doutros países como EE. UU., Francia e Israel, manteñen conversacións co fin de que a invasión militar do territorio saharauí leve a cabo, a pesar de que días antes, a Corte internacional de Xustiza emitira o seu ditame xurídico (1) no que decretaba que non existían lazos de soberanía algún para que Marrocos puidese argumentar que o Sahara era parte integrante do seu territorio, polo que ao pobo saharauí pertencíalle decidir o seu futuro mediante a celebración dun referendo de autodeterminación. Dito doutra forma: o pobo saharauí ten dereito á autodeterminación.

España tiña unhas obrigacións como metrópole clarísimas e, segundo o dereito internacional, incumpriunas. A actitude de España, e a súa falta de dignidade supuxo unha traizón para o pobo saharauí que aínda hoxe segue sufrindo coa ocupación e o exilio.

46 anos pasaron, pero o pobo Saharauí segue esperando que a Comunidade Internacional obrigue a Marrocos a honrar o “Acordo de Paz” (2) firmado entre as partes e co patrocinio das Nacións Unidas que prevía a celebración do referendo en 1992.

Unha vergoña para o mundo, unha vergoña para España e unha vergoña para o continente africano. A última colonia de África que, ata o día de hoxe, espera xustiza e cuxo pobo resiste pacificamente é o exemplo da ineficacia das Nacións Unidas e da corrupción mundial que permite a Marrocos seguir exploliando, oprimindo e mantendo nun réxime de Apartheid brutal sobre a poboación saharauí nos riquísimos territorios ocupados, mentres nos campos de refuxiados os saharauís agardan, do outro lado do muro de separación, unha solución que non está na axenda mundial.

Nado no ano 1974, un ano antes da entrega do Sahara por parte de España a Marrocos. Activista polos dereitos do Pobo Saharaui, é membro de Solidariedade Galega co Pobo Saharaui. Fundador e administrador da web www.porunsaharalibre.org