“Nos últimos anos programouse unha exclusión do galego de todos os ámbitos máis profunda da que existía”

María Pilar García Negro | Política e sociolingüista galega

María Pilar García Negro ten abondo currículo como para falar con autoridade da actual situación sociolingüística do país. Non só pola súa traxectoria académica ou política, senón porque o feito de vivir en primeira persoa a desafección cara o galego dentro do ámbito educativo, político e funcionarial, levouna a enfrontar máis dunha vez ataques virulentos desde as propias insitucións que deberan velar polo idioma. Aquí falamos con ella sobre o Día das Letras que este ano lle foi outorgado a Ricardo Carvalho Calero, quen coincidía con García Negro no perigo que supón que o galego quede como lingua litúrxica.

Foi unha sorpresa para ti que Carvalho Calero sexa o homenaxeado no Día das Letras Galegas?
Si e non, por un motivo e é que por unha banda era unha celebración xa demandada desde hai moitos anos por moitos de nós, das persoas que estamos dentro do profesorado, da cultura en relación co galego. Así pois, pensamos que un ano máis ou un ano menos, esta homenaxe caería polo seu propio peso. Pola outra banda, debo lembrar e avisar de que con independencia da demorada decisión da RAG, xa viñamos celebrando e recoñecendo como se merece a figura de Carvalho Calero. En vida del tiven a oportunidade de participar na homenaxe que lle ofreceu a Asociación Cultural Medulio de Ferrol. Despois do seu falecemento, en moitos actos públicos, artigos, simposios, na Galiza e fóra dela. Por iso digo que algúns, entre os que estou, non esperamos que ao final a RAG concedese este día a Carvalho para continuar recoñecendo a súa figura, facerlle xustiza, porque a súa obra e persoa son acredoras de todos os recoñecementos nosos e porque a súa obra merece ser lida e recordada por todos nós.

Estanse cumprindo as premonicións de Carvalho sobre o galego como lingua de “liturxia”, só empregada para algúns momentos concretos?
El escribira un artigo titulado “O uso do galego para todo”, que usei de base para o manifesto da Plataforma Queremos Galego me pediu en vista ao Día das Letras Galegas. Foi un manifesto en forma de carta aberta a Carvalho Calero. Naquel artigo el xa avisaba da tentativa de “confinar” o galego, só como lingua literaria ou limitadamente literaria, só para poesía lírica. El dicía “teriamos así nese suposto restritivo, unha lingua ritual, reservada, confinada, refreada, conxelada e acabaría asfixiada, reprimida, acadarmada, consecuentemente unha lingua ferida de morte, unha lingua morta, un latín para especialistas, unha lingua pronto inentilixíbel para o común dos galegos”. Por contra el defendía que o galego debera vivir máis alá da práctica literaria, senón tamén dos diferentes usos como o administrativo, coloquial ou xudicial. Concluía que “o galego ten que ser a lingua normal de uso dos galego”. Este diagnóstico non só se cumpriu se analizamos a política oficial, senón que o fixo amplamente. Durante a última década programouse a exclusión da nosa lingua de todos os ámbitos e programouse unha españolización de todos os ámbitos máis profunda e contundente da que existía.

Como puido ser así?
A loita a prol do galego, en calquera das súas formas, viuse en moitas dificultades e entorpecementos e imposicións represivas e negativas. A alerta de Carvalho sobre o confinamento da lingua, moitos de nós seguimos a tratar de conxurala en beneficio da vida do idioma. El xa o dixera “o galego para viver tem que sobreviver”. Iso precisa dunha protección e axuda pública institucional de todos os poderes públicos. Non pode quedar nunha loita grupal, senón que necesita uns mecanismos favorables a esa presenza, que as institucións que todos e todas pagamos deberan pór en práctica. De maneira que o seu diagnóstico e prognóstico están máis vivos que nunca.

Desde hai unha década que se pide derrogar o decreto Feijóo sobre a lingua. Estamos xa na agonía do galego?
Se nons cinguimos á etimoloxía, si. A agonía era a pre-morte, a loita entre a vida e a morte. Iso é o que significa agonía. Estamos nunha crise, non estamos no sentido hoxe común da agonía, na acepción de tempo previo a unha morte. Por que digo isto? Porque os e as que facemos uso do galego existimos, non nos resignamos ou que teña só un cultivo literario dentro dun circuíto. Non admitimos espazos estancos e pechados para a súa utilización. Entón deberamos ter en conta o substantivo que é “normalización”, que vén de “normalizar”, que vén de “normal” e este de “norma”. E norma significa hábito e presenza ubícua, multifuncional. Os que defendemos un uso non restrinxido do galego poderemos ser unha minoría, mais somos unha minoría que quere deixar de selo. Non se comprace na súa limitada cantidade, senón que quere ao galego como lingua de todos os nosos compatriotas.

Estase exacervando o autoodio entre nós?
Por unha parte si, porque nunha situación de conflito lingüístico como o do galego, hai unha subordinación obxectiva da lingua galega na súa propia sociedade. Todo conflito é dinámico e se non se combaten as condutas pro-diglósicas, aumentarán porque a presión da lingua dominante aumenta. No tempo actual tamén se incrementou pola globalización, pois toda a propaganda oficial quere desnacionalizarnos, de facernos cidadáns do mundo mundial, como se non tivesemos nocións de orixes. A realidade humana é que existen sociedades distintas e distintivas. A única democracia e internaciolanismo democrático son os que recoñecen a existencia de todos os pobos do planeta.

E a relación entre o galego e o portugués poderá darse libremente algún día?
Partimos dunha realidade científica, o galego e o portugués son a mesma lingua. O portugués é o galego que puido converterse en oficial e moderno, dotado da necesaria institucionalización que garante un estado independente. Podemos falar da mesma lingua falada en diferentes lugares, co galego como matriz, o portugués de Brasil ou doutros lugares do mundo. Mais establecida esta verdade, a partir aí vainos a vida aos que defendemos a nosa lingua a súa pervivencia digna, como lingua normal entre toda a sociedade galega.