Nicaragua, Nicaragüita…

Nicaragua foi sempre un terreo fértil para a imaxinación e a expresión de escritores, poetas e músicos. Dende Rubén Darío ata Gioconda Belli pero tamén na música popular, como relata o cantautor Carlos Mejía Godoy na súa canción Nicaragua, Nicaragüita.

E tamén no terreo político, das ilusións e dos soños de transformación. Foron moitos, dentro e fora dese país, os que colocaron os seus ollos e esperanzas naquela revolución sandinista que acabou en 1979 cunha das ditaduras máis lonxevas de América Latina, a da dinastía dos Somoza. Unha ditadura, unha máis, das apoiadas por Washington, que tamén sempre viu a Nicaragua como un peón xeopolítico dos seus intereses imperialistas.

Soños de revolución que se difuminaron nas duras realidades. Explicaba o escritor e político nicaraguano Sergio Ramírez na súa obra Adiós Muchachos (1999) cómo a dirección sandinista comezou a distanciarse do pobo nicaraguano e a gozar do poder e dos privilexios da revolución.

“Todo aquel que coñeceu esa revolución sandinista iniciada en 1979 non pode hoxe recoñecer a macabra mutación transfigurada polo actual presidente Daniel Ortega”

Todo aquel que coñeceu esa revolución sandinista iniciada en 1979 non pode hoxe recoñecer a macabra mutación transfigurada polo actual presidente Daniel Ortega (da man da súa muller Rosario Murillo) dese sandinismo que tantas expectativas espertou a unha “neoditadura” personalista.

A decisión de Ortega de expulsar do país e quitar a nacionalidade nicaraguana a 317 presos e disidentes políticos, moitos deles “camaradas” sandinistas, supón un feito inédito (pola súa magnitude) cando menos en América Latina. Estamos falando de persoas como a poeta Gioconda Belli (hoxe exiliada en España), a comandante Dora María Téllez (en EE.UU) e do propio Sergio Ramírez (tamén en España) Xa antes, a represión cebouse contra Ernesto Cardenal, outra figura sandinista que encabezou no seu país a doutrina da ‘teoloxía da liberación’ e que foi reprendido publicamente polo entón Papa Juan Pablo II durante unha visita ao país centroamericano en 1985. Ata a súa morte en 2020, Cardenal foi perseguido polo réxime orteguista-murillista.

A isto debemos engadir o repudio mundial a estas medidas de Ortega, salvo no caso dos seus aliados do ‘eixe ALBA’, Cuba e Venezuela. É igualmente significativo que ese repudio veña dunha ‘nova esquerda’ a nivel hemisférico, como son os casos dos presidente colombiano Gustavo Petro e o chileno Gabriel Boric, que acolleron a moitos deses expulsados. En directo en TV española, a propia Belli, autora dun poema ilustrativo, ¿Qué sos, Nicaragua, para dolerme tanto?, rompeu simbolicamente o seu pasaporte nicaraguano dicindo que a “ditadura de Ortega non me representa” e que non precisa dese documento para certificar que “son nicaraguana”.

Co seu retorno ao poder en 2006, Ortega e a súa actual esposa Rosario Murillo sepultaron décadas de loita sandinista amparándose nun réxime ditatorial de carácter nepótico e patrimonial. Novas elites de poder político e empresarial medran en Managua amparados nas redes de afiliación a unha Fronte Sandinista de Liberación Nacional (FSLN) que pouco o nada ten que ver co que acabou coa dinastia Somoza e levaron a cabo unha revolución que a administración de Ronald Reagan tentou por tódolos medios sepultar, incluso procreando vía CIA a infame “Contra” na veciña Honduras ao mando de Edén Pastora (falecido en 2020) e con quen o propio Ortega non tivo reparos en abrazar para a súa ‘causa’ na súa segunda etapa no poder (hai que lembrar que Ortega xa fora presidente entre 1984 e 1990)

“Co seu retorno ao poder en 2006, Ortega e a súa actual esposa Rosario Murillo sepultaron décadas de loita sandinista amparándose nun réxime ditatorial de carácter nepótico e patrimonial”

Enviando ao exilio a máis de tres centenares de disidentes e presos políticos (aínda quedan tamén en Nicaragua, como o caso do bispo Rolando Álvarez), o matrimonio Ortega-Murillo busca ‘pasar páxina’ dese pasado sandinista que, polo visto, tanto lles incomoda. O seu é  fortalecer unha ‘nova era’ máis parecida ao somocismo.

En 1982, o arxentino Julio Cortázar escribía o seu libro Nicaragua tan violentamente dulce, unha crónica na que confirmaba o seu compromiso sandinista. Catro décadas despois, a Nicaragua de hoxe vive moi lonxe dese soño, sumida na escura, violenta e agria experiencia personalista do orteguismo-murillismo.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.