“Negro Púrpura”, de cando o LSD daba de comer ás familias

Documentario estreado na Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE)

Santiago de Compostela | O pasado seis de abril a Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) inauguraba a súa XVI Edición coa pre-estrea do documentario Negro Púrpura, un achegamento ao que fora a venda de caruncho do centeo como parte da economía de subsistencia durante os 40 e 50 do século pasado. Con testemuños de persoas que participaran na venda do fungo, descubrimos que a grande maioría descoñecía o potencial lixérsico deste gran negro e que logo axudaría na aparición dunha das drogas recreativas máis usadas no século XX, o LSD, aínda que tamén tivese outros usos máis farmacolóxicos.

“O documentario Negro Púrpura, un achegamento ao que fora a venda de caruncho do centeo como parte da economía de subsistencia durante os 40 e 50 do século pasado”

A aventura de Adriana Pérez, Sabela Iglesias e Pilar Abades, integrantes da produtora Illa Bufarda, comezou cun fío que saía dunha peza de roupa e logo acaba converténdose nun novelo. “Foi por unha amiga común. Un día na nosa casa comentara que súa avoa traficara con LSD” di Sabela Iglesias. A curiosidade é moi poderosa e logo de preguntar, bucear na Rede e preguntar aquí e acolá, descubriron que a partir do caruncho do centeo (tamén chamado dentón, cornello entre outros nomes) se puido illar e sintetizar a Dietalmida do Ácido Lixérsico (LSD), a droga psicoactiva por excelencia da chamada “Época Hippy”. “Nós non tiñamos coñecemento ningún sobre este tema mais logo preguntamos na casa e si que oíran falar do “dentón”.

Así foi como en 2016 comezaron as pescudas sobre unha historia que prometía ademais de procurar o apoio necesario para materializar o proxecto. Primeiro chegaron axudas para guión e produción da Deputación da Coruña. “Faltaba diñeiro para a rodaxe, a edición e postprodución por iso abrimos un crowfunding para termos apoio económico, porque a historia estaba escapando e a memoria é fráxil” lembra Adriana. Había que contactar con persoas protagonistas porque o tempo vai moi axiña.

“O crowfounding tamén permitiu que a través dos medios e das RRSS persoas interesadas contactaran con nós dicindo “os meus avós tamén saben””. Abrínronse moitas portas e persoas que logo aparecen no documentario. “Realmente quen aparece en Negro Púrpura son unha mostra moi pequena de todas as entrevistas feitas en Galicia e Norte de Portugal”. Contan as tres implicadas na produción que o contacto cos e coas protagonistas foi doado, non así cantos testemuños inserir no traballo.

As viaxes por Galicia e Portugal deixaron ver canto abranguía no persoal e no xeográfico, a tarefa que se lles poñía por diante. Por iso, antes de comezar a rodaxe fixeron contactos previos gravando diferentes voces para unha mesma composición. Cando estimaron amplo o número de rexistros recollidos, buscaron entre todos eles as testemuñas con maior carga de historia. Escollidos os rostros que ían aparecer comezou o traballo para crear un guión, unha escaleta e comezar a rodaxe en 2019.

De como un parásito axudou á economía familiar e creando unha industria
As diferentes voces abriron o “camiño do caruncho”, desde quen e como o recollía até quen comercializaba o produto. O primeiro elo da cadea eran nenos e mulleres, pois aquilo era un traballo “para eles porque non tiña outra cousa que facer”. Visto como un traballo secundario e unha fonte de ingresos en momentos concretos, foi unha tarefa feminizada e de menores. “Isto permitiu a moitas mulleres e fillos delas, ter unha economía propia nuns momentos de penuria”.

A recollida e a venda era un proceso que comezaba nos terreos e acababa en mans de intermediarios para enviaren aos laboratorios. “As testemuñas contaban como recollían e vendían, logo falaban quen coñecía os seus usos para ostetricia e a relación coas farmacéuticas” vai enumerando Adriana. E a relación con Albert Hoffman e a CIA? “Todo iso saíu da documentación que fomos recollendo e despois metemos no documentario como enxertos”. Así aparecen as voces de expertos, artigos de prensa e outras fontes que acompañaron o proceso de creación. Con todo, non había intención de elaborar un documento científico ou de ensaio.

“A recollida e a venda era un proceso que comezaba nos terreos e acababa en mans de intermediarios para enviaren aos laboratorios”

O proceso para illar os elementos alcaloides do caruncho foi o inicio de moitas investigacións, sobre todo no Instituto Miguel Servet de Vigo e a aparición do purpuripán. En 1936 nace outro grupo escindido do Miguel Servet, o Grupo Zeltia que “mesmo arrendou fincas para inocular o fungo no centeo para aumentar a produción” destaca Sabela. Non obstante, o paso máis decisivo foi o illamento en Zeltia da ergometrina, elemento cun alto valor engadido ao ser un produto estrela das exportacións destes laboratorios e que tamén comercializaron o Pan:Ergot que servía para tratar as dores de cabeza e o glaucoma.

A sintetización dos compoñentes químicos deu por finalizada a “febre do caruncho” e con ela unha porta de entrada de diñeiro extra para familias labregas. Todo foi quedando no esquecemento, na fráxil memoria das persoas até o día en que alguén falou do “tráfico de LSD” en Galicia a mediados do século XX. E a memoria puido ser recollida en imaxes.