
A Coruña | O presidente da Real Academia Galega participou este luns en Donostia na reunión constitutiva do Consello das Linguas Oficiais, onde esta mañá asiste a unha xornada sobre o proxecto ILENIA para o impulso das linguas cooficiais na intelixencia artificial. Henrique Monteagudo celebra a substitución do antigo Consello das Linguas da Administración Xeral do Estado por este novo órgano que incorpora voceiros dos gobernos de comunidades autónomas con lingua propia, entre elas Galicia, e lles dá tamén entrada ás academias das distintas linguas como entidades convidadas. O presidente da RAG reivindicou na súa primeira xuntanza a galeguidade das falas estremeiras de Asturias e solicitou que se axilice a incorporación do galego á oferta infantil de RTVE.
“A RAG confía en que este novo consello contribúa a avanzar no respecto e na promoción de todas as linguas cooficiais, ao reforzamento de España como un estado que aposta pola diversidade lingüísitica e cultural”, expresa o presidente da RAG. Entre outras funcións, o real decreto que o regula establece que o Consello das Linguas Oficiais debe servir de foro de debate no que as distintas administracións con competencias en materia de linguas oficiais poidan propoñer cuestión relativas ás mesmas, estudar a súa situación e impulsar a aplicación e o seguimento dos compromisos adquiridos por España no marco da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias do Consello de Europa.
A preparación do novo informe sobre o cumprimento de Carta foi precisamente un dos puntos da orde do día da sesión, na que tamén se falou sobre o fomento das linguas cooficiais desde os medios de comunicación. Na súa intervención, Henrique Monteagudo solicitou que se axilice a incorporación do galego á oferta de RTVE, de maneira especial naquela dirixida ao público infantil a través de Clan TV. A representación do ente público confirmou que, tal como se anunciara o pasado mes de xaneiro, se está a traballar para cumprir con este compromiso que constitúe unha contribución ben relevante para frear a perda de galegofalantes nos primeiros anos de vida e que os nenos e nenas castelanfalantes se familiaricen coa lingua propia de Galicia.
A Academia lembra que a Lei Xeral de Comunicación Audiovisual, aprobada en xullo de 2022, contempla o fomento da incorporación aos catálogos de contenidos audiovisuais dos prestadores deste servizos de produtos dobrados ou subtitulados ás linguas cooficiais, “prestando especial atención a contidos audiovisuais dirixidos ao público infantil ata os doce años”.
O reto da incorporación plena das linguas cooficiais á intelixencia artificial foi outro dos asuntos tratado na sesión constitutiva do Consello das Linguas Oficiais. Repasouse ademais a situación das páxinas web da Administración Xeral do Estado e dos organimos dependentes ou vinculados.




