Mosteiro de Melón en Arbo: O Foro do Rial (ano 1.666)

Cavaduras de viña na cabeza e o quiñón en pesqueiras e naseiros

Estas fontes de ingresos permitirán o abastecemento do mosteiro ata o século XIX , a mellora e ampliación dos espazos monásticos desde mediados do século XVI, que se atopaban en estado de abandono desde fins da Idade Media, e o inicio de obras e reformas para substituír as antigas igrexas medievais, dando lugar nesta etapa a unha nova arquitectura caracterizada pola monumentalidade artística ( por exemplo, a substitución das antigas cubertas de madeira polas bóvedas estreladas, o que mellorou a sonoridade dos templos, o traslado do coro a posicións elevadas, espazos máis iluminados,…).

Santa María de Melón chega á Idade Moderna sen ser aquel “gran señor” que fora nos séculos XII e XIII, pero conservando un extenso dominio do que seguirá sacando bo proveito en épocas posteriores ( unha proba disto é que as actuais ruínas do mosteiro foron construídas na Época Moderna). Do século XV ao XVIII imponse o dominio útil e o subforo sobre a terra cultivada. A incapacidade dos monxes brancos de Melón para imporse directamente aos campesiños que traballan a terra ( e moito menos pedirlle a metade da colleita) fará que o cenobio permita que as propiedades que dá a censo sexan á súa vez aforadas polo seu foreiro e facilitando que estes intermediarios consigan unhas ganancias. O subforo convértese nestes tempos nun tipo de contrato capital e de amplo éxito, cedendo o mosteiro ao subforista a súa capacidade de presión sobre o campesiñado.

II. Bens raíces do mosteiro de Melón na terra e no río arabenses.
Neste documento do século XVII, rubricado no lugar de San Pedro da Granxa, en Arbo, os monxes conventuais do mosteiro de Nuestra Señora Santa María de Melón da orde de San Bernardo, outorgan e aforan, “…de por vida de tres señores Reyes o Reinas de España, subsesívos una en pos de otro que la primera es la de la majestad el Rey D. Carlos segundo…”, aos veciños da fregresía de Arbo Gregorio Bernardes, Pedro Alonso e Lorenço Gonçales unha serie de bens raíces na terra e no río demarcados e propios do dito mosteiro.

Entre eles distínguense unha ducia de casas ( “…casa terreña colmada y tejada…casa terreña colmada y junto della una corte que todo está en un curral…un pajar colmado…casa sobradada y tejada…”), unha ducia de herdades e leiras, campos e viñas (“…o Cortiñal do Rial, As Saideyras, Brugueyra, Sobrelos do Rial, Baçoca, Das Cruses, O Menanco, A Pereira, Prego dongal, Veiga de Arbo indo para a poça dongil, Torvela, Senra,…”), auga de rega ( “… un terçio del agoa de formal en el jueves de cada semana…”), prados, montes ( “.. en el monte que llaman de San Sebastián…”, “…en el monte de Debesa de la iglesia de Arbo…”, “…el monte do Neto y Laxas…”, “…en el monte do Castiñeiro…”), soutos, devesas, e unha decena de pesqueiras e naseiros na ribeira miñota.