Mos sae á rúa contra o novo trazado da A-52 e pola liberación da peaxe da AP-9

A veciñanza mosense e da parroquia viguesa de Bembrive alzaron a súa voz

Mos | Centos de veciños e veciñas de Mos e Vigo saíron hoxe ás rúas no termo municipal de Mos para manifestar o seu rexeitamento ao novo trazado da autovía A-52 e esixir a liberación inmediata da peaxe da AP-9 no tramo Puxeiros – O Porriño.

A marcha, convocada pola plataforma cidadá DefendeMos e apoiada polo Concello de Mos, percorreu puntos estratéxicos do municipio, como a Avenida de Sanguiñeda, a rotonda do Costilleta ou a rotonda das Angustias, logrando visibilizar unha contundente oposición veciñal a un proxecto que consideran lesivo para o territorio e insuficiente para resolver os problemas de tráfico e alta sinistralidade da A-55.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, presente na manifestación, declarou: “Hoxe Mos falou alto e claro. Non permitiremos que se impulsen infraestruturas que sigan destruíndo o noso territorio sen achegar solucións reais e sen falar previamente con nos. O novo trazado da A-52 afecta a centos de familias, paraliza o desenvolvemento de cinco solos urbanizables e supón a demolición de naves con actividade económica. Ademais, non resolve a problemática da A-55, xa que carece de conexións co noso municipio e non reducirá o tráfico pesado que soportamos diariamente.”

Arévalo, quen levou persoalmente esta iniciativa ao Senado de España, tamén quixo insistir na necesidade de liberar a peaxe da AP-9 como medida inmediata: “Temos unha autoestrada infrautilizada ao noso carón. A gratuidade da AP-9 entre Puxeiros e O Porriño é unha solución sinxela, inmediata e menos lesiva para o territorio. Mentres o Ministerio de Transportes insiste nun proxecto que non será realidade ata, como mínimo, 2030, a veciñanza de Mos seguirá sufrindo os perigos da A-55, unha das autovías máis perigosas de Galicia.”

A manifestación contou coa participación de representantes de diversas parroquias do municipio, así como de asociacións veciñais e colectivos afectados polo novo trazado, e tamén veciñanza do municipio de Vigo, principalmente das parroquias, con especial intensidade de Bembrive, directamente afectada.

O Concello de Mos, reitera o seu compromiso de apoiar á veciñanza na defensa dos seus intereses, unha veciñanza que foi capaz de presentar máis de 30.000 alegacións contra este proxecto.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.