Mos reforza a atención das persoas maiores

A Xunta de Galicia licita as obras para o novo Centro de Coidados Intermedios cun investimento de 11,6M€

Mos | O Consello da Xunta de Galicia autorizou hoxe a licitación das obras de construción do novo centro de coidados intermedios público no Concello de Mos, que se emprazará no antigo hospital de Rebullón. O orzamento desta actuación é de 11,6 millóns de euros procedentes de fondos europeos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (NextGenerationEU) e o seu prazo de execución é de 18 meses, a partir do inicio dos traballos.

Este centro destinarase a atender a persoas maiores que recibiron a alta hospitalaria pero seguen precisando de coidados específicos antes de regresar ás súas casas ou a un centro residencial. Deste modo, continúase a súa atención desde o ámbito social, facilitándose a recuperación logo de postoperatorios longos que precisan de rehabilitación.

Este novo equipamento terá unha capacidade de 58 prazas e disporá dunha serie de zonas claramente diferenciadas e independentes entre si: área de espazos comúns, área de servizos xerais, área de coidados sociosanitarios e área residencial. Tamén contará con zonas axardinadas para os seus usuarios e cun aparcamento.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.