Mos, epicentro do innovador proxecto ‘Fútbol a Pie’

Co obxectivo de fortalecer a saúde e o benestar emocional
A alcaldesa Nidia Arévalo estivo presente na posta en marcha desta iniciativa deportiva.

Mos | Este 8 de outubro tivo lugar a presentación do proxecto ‘Fútbol a Pie’ no Campo de Fútbol de Cototorrón ás 13.30 horas coa presenza de Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, Fernando Iglesias Figueroa, vicepresidente da Federación Galega de Fútbol, José Areal, concelleiro de Deportes, Patricio Farrapeira, presidente do Club Louro Tameiga, José María Rial Chapela, director do proxecto ‘Fútbol a Pie’ e Manuel Núñez, coordinador de zona do proxecto ‘Fútbol a Pie’.

Con esta presentación ábrese o prazo de inscrición para as persoas da área metropolitana que estean interesadas en practicar esta orixinal disciplina, xa que Mos, concretamente o Campo de Fútbol de Cototorrón do Club Louro Tameiga, será sede e centro neurálxico de ‘Futbol a Pie’ na zona.

Nas últimas semanas xa se veñen realizando sesións de proba e demostración da actividade en Cototorrón, para que os interesados comproben de primeira man se lles gusta e, cos que se animen, poder formar un grupo para comezar a adestrar. A actividade desenvólvese todos os luns e mércores en horario de 19.30 horas a 20.30 horas.

Iglesias e Núñez, promotores do proxecto, explicaban esta mañá que “a idea nace dunha maneira moi simple. Existe moitísima xente á que lle gusta o fútbol e que algunha vez na súa vida, xa ben fose de maneira máis ou menos profesional, practicou este deporte ou lle gustaría facelo, sen embargo cando chegan as limitacións físicas da idade ou de calquera problema de saúde, máis ou menos grave, estas impídenllo”.

“Cremos firmemente”, continuaron o director e coordinador de ‘Fútbol a pie’ “que se pode adaptar a todo tipo de xente, sen importar idade nin xénero, e cumprir así un soño para moitos, como sería comezar ou volver practicar un deporte que segue sendo o número un, en canto a número de seguedores e practicantes”.

No ‘Fútbol a Pie’ as tarefas e os esforzos a realizar serán sempre supervisadas por un médico e serán dirixidas por persoas co perfil adecuado para elo.

O Campo de Fútbol de Cototorrón do Club Louro Tameiga acolleu esta actividade.

O obxectivo da actividade baséase en tres aspectos fundamentais: aspecto físico (manter ás persoas activas realizando unha actividade de moi baixo impacto como camiñar e recomendada pola OMS, que xa considerou o sedentarismo como unha enfermidade), aspecto psicolóxico (aumentar a autoestima e estimular a concentración a través dunhas normas ás que se lle debe prestar moita atención), e aspecto social (promover as relacións sociais de persoas sen distinción de idade ou xénero e tratar de que sexa un tempo divertido, agradable e ameno. Gozar e facer gozar aos demais nun ambiente de cordialidade absoluta, sen o máis mínimo signo de competitividade).

Poderíanse resumir claramente os obxectivos expostos en: deporte, saúde, e benestar emocional.

Trátase dunha actividade a desenvolver en dúas ou tres sesións semanais. Estas sesións estarán debidamente estruturadas e preparadas para que se cumpra o consello da OMS de realizar asiduamente unha actividade saudable tanto física como psicoloxicamente para manter un nivel aceptable de forma.

As sesións constan de 10 minutos iniciais de quecemento como introdución á parte principal na que se irá progresivamente preparando aos practicantes para afrontala sen risco algún de lesións (aquí os estiramentos e a mobilidade articular serán unha parte fundamental), seguidos dos 45 minutos da parte princial consistente nun partido de fútbol a pé que terá unha duración de dous tempos de 20 minutos separados por un descanso de 5 minutos entre eles. Para rematar finalízase con 5 minutos de volta á calma, parte fundamental de relaxación e estiramentos.

A práctica do ‘Fútbol a Pie’ está recomendada tanto para mulleres como homes con independencia da súa idade, condición física ou o seu estado de saúde. As relacións sociais e o benestar emocional son o obxectivo fundamental, así como fomentar o envellecemto activo.

Cada grupo de adestramento non superará as 14 persoas (7 por equipo) e contará cun híbrido entre “adestrador” e “árbitro” coa misión de facer cumprir as regras do xogo e de formar técnica e tácticamente ás persoas participantes.