Mondariz busca fondos europeos para a dixitalización do ciclo da auga

Participando na solicitude conxunta do PERTE da Deputación de Pontevedra

Mondariz | O Concello de Mondariz, malia non chegar aos 5.000 habitantes e ter xa grandes proxectos de investimento en marcha, como o cambio a LED de toda a rede municipal de alumeado público, continúa presentando novas solicitudes para atraer fondos europeos á localidade e modernizar as infraestruturas relacionadas cos servizos máis básicos.

“Nos últimos meses realizamos un estudo técnico sobre a rede municipal de abastecemento de auga, co obxectivo de coñecer as necesidades das instalacións e elaborar proxectos para a súa modernización. Agora que se están destinando importantes fondos europeos á dixitalización do ciclo da auga, este traballo está servindo de base para presentar solicitudes e aspirar a investimentos de grandes cifras”, explica Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz.

Malia estar no último treito do mandato, o Goberno municipal decidiu participar na solicitude conxunta do PERTE de dixitalización do ciclo da auga que lidera a Deputación de Pontevedra. “Aspiramos a 600.000 euros de fondos europeos para a modernización integral das actuais instalacións da rede municipal de abastecemento de auga”, comenta Barros.

O PERTE (Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica), segundo a convocatoria actual do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, non permite a creación de novas infraestruturas, senón actuar na modernización das xa existentes para mellorar a eficiencia na xestión da auga.

O Goberno municipal de Mondariz, ademais de presentar unha solicitude baixo o paraugas administrativo da Deputación de Pontevedra, tamén está traballando en solicitudes conxuntas con outros concellos da contorna, modelos colaborativos que permitirían acadar máis financiamento europeo para actuar sobre as redes municipais de abastecemento de auga e saneamento.

“Para nós, como concello pequeno, xestionar estas solicitudes supón un traballo inmenso. Con todo, os recursos europeos que hai actualmente a disposición son unha oportunidade de investimento e modernización de infraestruturas básicas que non debemos deixar escapar. Con isto demostramos que nós, desde o Goberno municipal, traballamos para o futuro de Mondariz sen pensar en clave electoral”, destaca o alcalde de Mondariz.

Ademais de promover a modernización da propia rede municipal de abastecemento de auga, o Concello de Mondariz non descoida o abastecemento autónomo que xestionan as traídas veciñais de auga nas diferentes parroquias.

Esta semana, ser ir máis lonxe, presentouse o resultado final do plan municipal de abastecemento autónomo, unha iniciativa de Augas de Galicia na que participaron seis concellos galegos comprometidos con este modelo tradicional de xestión sociocomunitaria de recursos, entre eles Mondariz.