
Ponteareas | O Concello de Ponteareas, a través do concelleiro de Novas Tecnoloxías, Cristian Montes, e do concelleiro de Comercio, Ricardo González, está a manter estes días diversas reunións e visitas de traballo nos concellos de Las Rozas e Madrid co obxectivo de coñecer de primeira man sistemas dixitais avanzados que melloran a prestación dos servizos públicos.
Durante estas xornadas de traballo, a delegación ponteareá puido analizar ferramentas innovadoras centradas na interoperabilidade e na eficiencia administrativa, cun enfoque claro na súa posible aplicación no funcionamento municipal. Entre as principais melloras detectadas destaca a optimización dos procesos de tramitación administrativa, mediante a automatización de fluxos de traballo e a mellora dos sistemas de firma electrónica. Isto permitiría reducir significativamente os tempos de resolución dos expedientes, eliminando demoras innecesarias entre departamentos.
Outro dos aspectos clave é a integración plena da pasarela de pago coa sede electrónica do concello e carpeta cidadá, que potenciaría e completaría a existente para facilitar á veciñanza realizar calquera trámite económico de forma completamente telemática, segundo explica o concelleiro de Facenda, Francisco Represas. Este avance suporía evitar desprazamentos e permitiría completar os trámites de maneira rápida, segura e desde calquera lugar.
A visita tamén puxo o foco na interoperabilidade entre sistemas, un elemento esencial para avanzar cara a unha administración máis eficiente. A mellora da integración das bases de datos permitiría que a cidadanía non teña que presentar documentación que xa obra en poder do Concello, simplificando os procedementos e reducindo a carga burocrática.
Así mesmo, abordouse a importancia da seguridade dos datos e a trazabilidade dos expedientes, garantindo que cada paso do proceso administrativo sexa transparente, auditable e accesible. Isto reforza a confianza cidadá ao permitir coñecer en todo momento o estado das súas solicitudes. “Do mesmo xeito que as cámaras de intelixencia artificial ofrecen rastrexabilidade e datos en tempo real para a seguridade, a xestión dixital avanzada en Gestiona garante que cada paso dun expediente sexa auditable e seguro”, explicou o edil de Novas Tecnoloxías.
En conxunto, estas solucións tecnolóxicas permitirían ao Concello de Ponteareas avanzar cara a un modelo de administración máis moderno, áxil e próximo, no que a dixitalización non só actúe como unha ventá virtual, senón como un sistema intelixente que mellora a calidade dos servizos públicos. A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, subliñou que “a dixitalización é unha ferramenta clave e transversal para avanzar cara a un Concello máis moderno, eficaz e eficiente, aliñado cos retos da Axenda 2030”.
A rexedora destacou que “a modernización tecnolóxica non só mellora a xestión interna, senón que nos permite ofrecer mellores servizos á cidadanía, reducindo tempos, simplificando trámites e facendo a administración máis accesible”. Neste sentido, explicou que “a aposta polas novas tecnoloxías está directamente vinculada con obxectivos como o ODS 9, ao fomentar a innovación e o acceso ás TIC, pero tamén contribúe a avanzar no ODS 4 a través da aprendizaxe dixital, e no ODS 11 e ODS 13, mediante unha xestión máis intelixente e sostible dos recursos”. “En definitiva, modernizar o Concello non é unha opción, senón unha necesidade para garantir unha administración máis eficiente, preparada para o futuro e centrada nas persoas”, concluíu.
O goberno local continúa así a traballar na incorporación de ferramentas innovadoras que acheguen a administración á cidadanía, facilitando a súa relación co Concello e mellorando a eficiencia na xestión municipal.




