‘Miño’, libro de narrativa curta para Ourense e o sur de Lugo

Ourense reivindica o seu papel no nacemento do relato galego contemporáneo

Ourense | Xosé Manuel del Caño, xornalista e escritor, sostén que Ourense e o sur de Lugo terán un libro íntegro de narrativa curta en 2025, con trinta autores, ademais doutros puntos de Galicia. Antes, no último trimestre de 2024, virá a terceira entrega, que levará por título outro lugar da toponimia galega. Caño sinala que ‘Miño’ é unha antoloxía aberta, integradora, que tende pontes a diferentes autores, estilos, xéneros literarios e sensibilidades. O proxecto naceu cunha clara vocación de continuidade, di.

A ‘Antoloxía do relato galego actual. Miño’ (Xerais, 2023) suma case corenta autoras e autores de varias xeracións. O Liceo de Ourense acolleu a presentación deste novo volume, que dá continuidade a ‘Fisterra. Relato curto en Galicia’ (Linteo, 2022). Interviron o director de Xerais, Fran Alonso, e os autores Bieito Iglesias, Camilo Franco, Luís García Mañá, Rochi Nóvoa e Celia Díaz.

Tamén falaron o coordinador do volume, Xosé Manuel del Caño, e Manuel Buciños, autor das esculturas da portada. Segundo Camilo Franco, o libro “supón unha foto de familia na que hai multitude de formas posibles de entender a literatura”.

Xosé Lois Foxo, director da Banda de Gaitas de Ourense, estrenou unha gaita tallada para a interpretación do Himno do Antigo Reino de Galicia. Fran Alonso iniciou o acto destacando a importancia que teñen as antoloxías para dinamizar a literatura galega.

O escritor e xornalista Camilo Franco destacou que a literatura galega “tamén é universal e, como o universo, non é un continuo uniforme”. ‘Miño’ “tamén é un libro universal, porque está composto de fragmentos con vocación de todo”. E a pesares da utilidade da narrativa breve, como demostran este volume e o anterior, ‘Fisterra’, “aínda seguimos tendo que reivindicar un xénero que resultou ser especialmente diversificado e abundante en Galicia. Todas as cousas están feitas de partículas e estas son unha boa parte das partículas do país”, afirmou o escritor.

Narrativa breve
Luís García Mañá considera que o relato galego “goza de boa saúde literaria”. Segundo Rochi Nóvoa, ‘Miño’ é un libro “moi diverso en voces, nas que tentamos ser como pequenos afluentes libres para ordenar palabras e deixar así unha pequena area na contribución á nosa cultura e lingua”.

Pola súa banda, Celia Díaz resaltou “a feliz circunstancia” de presentar en Ourense a ‘Antoloxía do relato galego actual Miño’, tendo en conta o protagonismo da cidade no nacemento do relato galego contemporáneo a finais do século XIX, “grazas á pluma de Valentín Lamas Carvajal, Francisco Álvarez de Nóvoa, Heraclio Pérez Placer”… cuxos textos foron publicados en libros ou en xornais e revistas, como se pode comprobar no arquivo da biblioteca Nós. Logo virían “os grandes autores de Nós (Otero, Cuevillas, Risco…), que consolidaron a prosa galega nos anos 20 do pasado século. E moito despois Casares, Ferrín, etcétera. Polo tanto, “merece salientarse o papel de Ourense na narrativa galega e, en concreto, na narrativa breve”. Díaz tamén repara en que, “fronte á novela, na que todo ten cabida, o relato caracterízase pola síntese e pola concentración”. A novela “conta, o relato suxire, evoca”, subliñou.

‘Miño’ conta con textos de Marilar Aleixandre, An Alfaya, Alfonso Álvarez Cáccamo,Xosé Ballesteros, Concha Blanco, Esther Carrodeguas, Fina Casalderrei, Luisa Castro, Xesús Constela, Celia Díaz, Lois Diéguez, Lara Dopazo Ruibal, Manuel Forcadela, Susana Fortes, Camilo Franco, Luís García Mañá, Antonio García Teijeiro, Lupe Gómez, Bieito Iglesias, Margarita Ledo, Mercedes Leobalde, Xabier López, Ramón Nicolás, Rochi Nóvoa, Mariña Pérez Rei, Alfonso Pexegueiro, Xavier Queipo, María Xosé Queizán, Xesús Rábade Paredes, Román Raña, Antón Reixa, Manuel Rivas, Chelo Suárez, Nacho Taibo, Diana Varela Puñal, Eva Veiga, Helena Villar así como o falecido Domingo Villar. O prólogo é de Rexina Vega, o epílogo de Antón Riveiro Coello e o apéndice, de Del Caño. Manuel Buciños é o autor da lámina que leva aparellada, así como das esculturas que se reproducen na portada.