Miña casiña, meu lar!

Traemos hoxe a estas páxinas os suspiros de Rosalía de Castro en “Cantares Galegos” para meternos un chisco máis na problemática da vivenda. Non era este, precisamente, o problema de Rosalía, senón ter que abandonar a súa casiña, os seus ríos, as súas fontes. Hoxe o problema é moito mais grave, se cabe, hoxe redúcese ao que odiamos sintetizar en “unha vivenda é un tesouro, moitas vivendas é poder”.

O acceso á vivenda é, a día de hoxe, a principal preocupación da cidadanía, segundo ten constatado o CIS durante os últimos oito meses.

Non imos deternos nas medidas que ultimamente se teñen tomado en Cataluña, Navarra, Asturias e Galicia sobre a declaración de zonas en tensión. Imos ofrecerlles unha síntese dunhas declaracións feitas na revista “PÚBLICO” de Michaela Kauer, responsable da Oficina da Cidade de Viena, nas que explica como a capital austríaca conseguiu protexer e ampliar o seu parque de vivendas publicas durante máis dun século. Cun enfoque de dereitos, sustentabilidade e mestura social, Viena tense convertido en referente internacional fronte a financiación e a especulación.

Como foi isto posible? Respóndenos a entrevistada:

“Todo parte dunha decisión política do partido socialista que gañou as eleccións democráticas en Viena despois da Primeira Guerra Mundial, impulsando un ambicioso programa de transformación social: a chamada Viena Roxa”.

“A vivenda foi un dos piares, orixe do actual parque de vivendas públicas. En Viena seguimos entendendo a vivenda coma un dereito social e non coma un beneficio especulativo. Está así recollido na Constitución austríaca que obriga ao Estado a garantir o acceso a vivenda. O Estado debe devolver instrumentos sólidos, finanzas e recursos. Temos un sistema robusto cun 25% da vivendas do País xestionadas por entidades sen ánimo de lucro e un modelo de financiación que garante que sempre estea entrando diñeiro fresco no sistema mediante un imposto: empresarios e empregados aportan un 0.5% dos seus ingresos brutos a un fondo específico. Iso vai directamente aos orzamentos da vivenda de todo o Estado. Só en Viena isto supón uns 300 millóns de euros anuais para renovar, construír, axudar as persoas necesitadas, adquirir terreos e crear modelos de financiación moi estables, fiables e a longo prazo. Obviamente deses cuartos non se poden obter beneficios. Calquera tipo de beneficio ten que ser reinvestido no sistema de vivendas”.

“Claro que para os máis mozos, atopar vivendas a prezos accesibles pode ser un reto, sobre todo aquí en Viena, pero como existe un sector público cooperativo moi forte, isto supón que os dous terzos da poboación da cidade vive nalgún tipo de vivenda protexida, social e accesible. Así se moderan os prezos do mercado.”

“Que mecanismos empregou Viena para manter os prezos baixo control?”

“Este é un problema do solo edificable. Iso fai que a súa xestión sexa crucial. En Viena en vez de vender ofertamos contratos de aluguer por 99 anos. Así mantemos o control público. Tamén dispoñemos dunha lei que esixe que toda nova urbanización ten que destinar os dous terzos a vivenda subvencionada. Tamén temos un fondo de vivenda polo que distribuímos diñeiro aos que estean construíndo vivendas novas, como o sector cooperativo. Claro que existe a opción de traballar con sectores privados pero sempre baixo as nosas condicións. Non van adquirir grandes extensións de terreo porque a lei de zonificación está nas nosas mans. Contamos cun conxunto de instrumentos que nos dan amplos poderes para regular o mercado.”

“En Viena en vez de vender ofertamos contratos de aluguer por 99 anos”

“Como abordar o fenómeno Airbnb e o turismo intensivo?”

“Somos unha cidade de inquilinos. O 75% dos vieneses vive en vivendas de aluguer. A súa maior parte son vivendas municipais e cooperativas. Logo están, por suposto, as vivendas en propiedade ocupadas polos seus propietarios. Tivemos problemas con Airbnb como calquera outra cidade porque somos atractivos para os turistas. Por iso somos moi estritos. Airbnb está regulado: hai zonas onde non se permite, esíxese rexistro, páganse impostos. Sen vivendas publicas ou cooperativas está totalmente prohibido. Existe fraude nalgúns casos pero temos inspeccións constantes e esíxense devolucións cando é necesario. Airbnb comezou coma un modelo para competir pero hoxe é un modelo de negocio que pode prexudicar á cidade. Debe ser regulado.”

“Porcentaxe de ingresos para alugar unha vivenda?”

“No parque municipal os alugueres están regulados por lei; sitúanse arredor dos 6,60 euros por metro cadrado. Cun salario medio de entre 1.800 e 1.900 euros mensuais en 14 pagas é un coste asumible para a maioría. En Austria dedícase ao pago da vivenda arredor do 20% dos ingresos. Para os que teñan dificultades, persoas con pensións baixas, ingresos inestables ou situacións vulnerables existen axudas individualizadas. O sistema está deseñado para asegurar que incluso os que teñan ingresos moi baixos poidan acceder e manterse nunha vivenda digna. En calquera caso debemos garantir que os alugueres se fixen de maneira que as persoas poidan pagalos. En Viena arredor de medio millón de persoas viven en vivendas municipais, o que equivale a unha cuarta parte da poboación da cidade. Grazas a esa ampla cobertura, a maioría non necesita recorrer a axudas adicionais.”

“Está en perigo o modelo vienés polas presións do mercado, as crisis ou as normativas europeas de competencia?”

“Non. Este sistema existía antes da UE e goza dun amplo consenso social e político. Está avalado por leis, financiación estable e unha gobernanza sólida. Ademais a OCDE teno recomendado a outros países e recibimos cada ano mais de 150 delegacións internacionais interesadas en coñecelo. A maior ameaza sería a financiación e o branqueo de capitais. Precisamos unha regularización europea que permita transparencia nas operacións inmobiliarias e que protexa as cidades fronte á especulación e aos fondos voitres.”

“Que ferramentas poden usar outras cidades europeas para abordar este problema?”

“Moitas teñen instrumentos útiles: leis de zonificación, regulación do uso ilegal, control de prezos, promoción de cooperativas. Algunhas poden establecer fondos rotatorios municipais, como fixemos nós. O importante é protexer o parque público e reinvestir beneficios no sistema. Tamén é clave declarar que o diñeiro debe permanecer no modelo. Si se venden vivendas publicas destrúese o patrimonio neto. E sen patrimonio non hai modelo que se sosteña.”

Nos últimos tempos estamos asistindo en España a un cruce de descualificacións entre as forzas políticas sobre este tema, precisamente. Coñecen os nosos dirixentes o modelo vienés? É de supoñer que si; non podemos considerar aos nosos políticos tan ignorantes. Logo, por que non se poñen mans a obra para adaptalo ás nosas circunstancias? Que escuros intereses se agochan diante deste “non facer nada polo problema”?

Vostedes teñen a palabra e dentro de pouco tempo tamén terán nas súas mans a “papeleta para votar”. Poden facelo con V ou con B.

Saúdos e que o outono lles sexa propicio.

Mestre retirado. Realizou estudios de Filosofía e Letras, Dereito e Ciencias Políticas, Francés e Galego. Un dos fundadores da UCSTE, foi membro do consello nacional do «Movemento de Mestres». Fundador de «A PENEIRA» (1984). Director de «Novas do Eixo Atlantico»

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.