Miguelanxo Prado, Ardalén (El Patito Editorial, 2012)

Banda deseñada ou novela gráfica (a etiqueta é o de menos), Ardalén recolle o mellor dun dos mellores no seu xénero. E non só en Galicia. O tema fundamental é a recomposición da memoria como alicerce necesario para comprendernos, transformarnos e alancar cara un novo futuro. Sabela, unha das protagonistas, acode a unha aldea do interior para tratar de debuxar o retrato do avó emigrado a América, bosquexado e borrado a partes iguais pola súa familia, impulsada polo despeito tras ser abandonada. A única persoa que a pode axudar é Fidel, un ancián de dubidoso equilibrio mental que vive mergullado nunhas lembranzas que non lle son propias. Tras esta temática suxestiva e contemporánea, a da memoria, ábrese o universo do inefable que converte unha obra correcta nunha gran peza artística.

Ardalén dálle unha posición central a personaxes que arrastran unha certa marxinalidade, aínda que non sempre se amose de xeito evidente. A exclusión, sexa social ou familiar, agudiza intuicións e capacidade creadora. Precísanse ficcións substitutivas para evadirse; sono froito dos artistas que producen vidas en vez de producir obxectos. Pero hai ficcións que posúen a forza da clarividencia. As fronteiras entre razón e loucura, soños e vixilia, presente e futuro esvaécense nun xogo no que acaban entrando os sentidos, no que ata os ollos dos lúcidos acaban por ver o envés. Dilúense tamén os bordos textuais coa inclusión de pequenos ensaios e informes inventados, segundo declara o autor ao final, que dende o punto de vista da ciencia apoian unha forma non convencional de achegarse á realidade.

A conexión entre dous mundos multiplícase en varios planos. O máis gráfico é o que manifesta a relación cortaciana entre o “alá” de América e o “acá” de Galicia, puntos xeográficos que se achegan grazas ao poder transmigrador do ardalén, vento portador de lembranzas, sentimentos ou baleas.
O universo onírico, as tonalidades e a simboloxía dos fondos mariños remiten, dun lado, a De profundis, e doutro, a Urbano Lugrís. O asolagamento individual píntase coas cores do mar. A tensión narrativa, os tránsitos no argumento e os silencios que agochan os retratos dos personaxes debúxaos a sutileza de Miguelanxo, quen traza tenruras onde outros só poden ver baleiros.

Licenciada en Filoloxí­a Hispánica, (UDC, 1994-1998) e Filoloxí­a Galega (USC, 1998-2000), na actualidade, imparte aulas de Lingua e Literatura Galega no Ensino Secundario.