Menos ca fume.

Moi importante ha ser arestora o rexeitamento da veciñanza de moitos concellos galegos cos macroproxectos eólicos que o PPdeG está a autorizar cando o presidente Rueda decidiu tramitar um proxecto de lei para que (disque) “Galicia participe de determinados beneficios da enerxía que vai xerar”.

O PPdeG de Núñez Feijóo promulgou unha lei eólica no 2009 que se baseaba nuns alicerces totalmente diferentes á idea de que as comunidades locais e os proxectos industriais galegos fosen beneficiarios da produción enerxética xerada na Galicia pola tecnoloxía eólica. Núñez Feijóo, o da aperta co presidente de Iberdrola naquel xa lonxano abril de 2009 da asunción do seu cargo, sempre defendeu nas verbas e nas actitudes a “barra libre” para as grandes distribuidoras eléctricas e empresas estatais de quenda na produción eólica na Galicia.

A idea que agora publicita Rueda confronta coa praxe dos Gobernos que preside e partillou, malia que se poida entender nese contexto feijoiano de utilitarismo lindante co cinismo político, porque o seu único leitmotiv é frear a incomodidade dos alcaldes e candidatos populares nas ducias de concellos galegos afectados pola enxurrada eólica que PP e PSOE promoven e animan.

“A idea que agora publicita Rueda confronta coa praxe dos Gobernos que preside e partillou”

Neste contexto nada sabemos sobre esa suposta sociedade pantasma: nin si a Administración galega vai ser maioritaria ou exercer capacidade de control, nin como e de que xeito van ser elixidos os socios privados nin que marxe de actuación terá a devandita sociedade cando preto de 15.000 mw están a se tramitar no noso País.

Tampouco as propostas fiscais son acaídas, pois que, a respecto da eólica mariña, o feito impoñíbel gravábel polo Goberno galego é o custo ambiental das infraestruturas terrestres da enerxía producida por esa enerxía de produción oceánica. Como vai vencellar a Administración galega esas infraestruturas con ese custo? Porqué non comeza por aquelar o canon eólico? Éste págase por muiño, polo que os actuais proxectos de repontenciación, que diminúen aqueles até un 30 ou 35% dos anteriomente existentes, reducen na mesma contía o canon eólico que recada a Xunta de Galicia. Porqué non comezar por reformar a normativa fiscal da Lei eólica de Galicia para gravar unha meirande recadación tendo en conta que os grandes muiños da repotenciación teñen moito máis custo paisaxístico e ambiental –tanto biolóxico como derivado da súa moi esixente obra civil–?

Neste caso mesmo nin é acaído aquel dito dos nosos devanceiros de que a montaña pariu un rato, porque nin rato temos. A mellor definición deuna estes días un deputado nacionalista no Hórreo que dixo que isto era “menos ca fume”. Porque –engado eu– polo de agora só se albisca un caso grave de urxencia electoralista.

Advogado. Colabora en varios medios galegos.