Salceda de Caselas | O Concello de Salceda de Caselas está a executar nestes días as obras para dotar de accesibilidade o Centro de Servizos Sociais, na rúa Compostela. O edificio, que durante décadas estivo cedido á Xunta de Galicia e serviu como centro de saúde, non contaba con accesibilidade ao primeiro andar, o que limitaba considerablemente as posibilidades de uso do mesmo.
Trátase dun proxecto valorado en 48.387,84€, dos cales a Xunta de Galicia aporta 33.871,49€ e o Concello de Salceda solicitou o Plan Máis Provincia 2025 da Deputación de Pontevedra para a aportación da parte restante de fondos propios, así como os honorarios precisos. Deste xeito, recorrendo a diferentes administracións, o equipo de goberno conseguiu reunir o 100% da financiación para unha obra tan importante.
A obra consiste fundamentalmente na instalación dun elevador interior, así como na creación duns aseos adaptados no andar baixo do edificio.
Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda de Caselas, definiu a obra como “un proxecto fundamental para a nosa infancia, que abre novas oportunidades a novos programas e servizos”. A Alcaldesa referiuse ademais ao orzamento da obra, destacando que “conseguimos financiación de dúas administracións diferentes para acadar o 100% do orzamento, nunha mostra de que as relacións e a colaboración institucional ofrece sempre resultados que beneficien á veciñanza”.
No verán de 2020 entrou en funcionamento o novo Centro de Saúde de Salceda de Caselas quedando sen uso o antigo edificio. Posteriormente este edificio foi acondicionado como sede dos Servizos Sociais Municipais e Atención Temperá, solucionando os problemas de accesibilidade á planta baixa do inmoble. Agora con esta actuación preténdense eliminar as barreiras arquitectónicas existentes no seu interior e dar cumprimento ao Real Decreto 193/2023, de 21 de marzo, polo que se regulan as condicións básicas de accesibilidade e non discriminación das persoas con discapacidade para o acceso e emprego dos bens e servizos a disposición do público.
Actualmente a gran maioría dos servizos vense na obriga de desenvolverse na planta baixa, sendo o máis prexudicado o Servizo de Atención Temperá que atende a máis 85 nenas e nenos entre os 0 e 6 anos de idade, en moitos casos con problemas de mobilidade. O incremento do número de familias que visitan a diario este servizo fai que cada vez se precisen salas máis amplas e accesibles para desenvolver as sesións, para o cal se fai preciso o seu traslado ao primeiro andar, mantendo na planta baixa os Servizos de atención ás persoas usuarias adultas e de ser preciso instaurar novos Servizos demandados pola veciñanza.
Selene González, Concelleira de Benestar Social, amosou a súa satisfacción por esta obra, “que elimina barreiras e polo tanto iguala oportunidades para toda a veciñanza de Salceda”.