María Xosé Porteiro: “A igualdade de xénero fai posible unha revolución equiparable á francesa”

Encontro no ciclo de conversas na Casa-Museo Pardo Bazán

A Coruña | María Xosé Porteiro leva case medio século dedicada á vida pública: como xornalista, dende as distintas institucións políticas ás que estivo vinculada 14 anos e, na actualidade, como adxunta á Valedora do Pobo e directora do Centro de Documentación e Feminismos do Consello da Cultura Galega. Comunicación, feminismo e política son, de feito, os tres eixes dunha carreira na que sempre foi consciente da importancia de tecer redes de colaboración entre as mulleres.

Desa cooperación feminina, a sororidade que permitiu á súa xeración dar o salto ao ámbito público, falará esta tarde (18 horas) no ciclo As mulleres cen anos despois de Emilia Pardo Bazán. Conversas na Casa-Museo, coorganizado polo Concello da Coruña e a Real Academia Galega, a través da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, co gallo do centenario do pasamento da escritora. María Xosé Porteiro fará ademais fincapé, nunha charla co tamén xornalista Pepe Castro, no poder transformador do feminismo e da súa importancia para o avance da humanidade. A conversa, aberta ao público, poderá seguirse tamén en directo dende esta ligazón.

“Son testemuña do importante que foi ir creando un sentimento, unha relación colaborativa entre as mulleres que tiñamos unha circunstancia vital semellante. Refírome ás mulleres da miña xeración, que comezabamos a saltar ao ámbito público nos anos 70, ben porque puidemos estudar ben porque co cambio político se abriu unha nova etapa. Eu creo que fun unha privilexiada porque, non digo que fose fácil, pero si emocionante”, repasa a primeira concelleira de igualdade e impulsora da primeira casa de acollida de mulleres maltratadas en Galicia nos anos en que formou parte do equipo de goberno do Concello de Vigo (1987-1991).

“Son testemuña do importante que foi ir creando un sentimento, unha relación colaborativa entre as mulleres que tiñamos unha circunstancia vital semellante. Refírome ás mulleres da miña xeración, que comezabamos a saltar ao ámbito público nos anos 70″

Na arena política, María Xosé Porteiro foi tamén deputada no Congreso e no Parlamento de Galicia e a primeira representante no exterior da Xunta de Galicia; e no eido do xornalismo comezou a traballar en múltiples medios no ano 1972, nun momento en que as mulleres debían pedir permiso aos marido para poder traballar fóra da casa ou saír do país.

Moitas compañeiras quedaron polo camiño, pero moitas outras puideron facer cousas impensables, ou daquela moi difíciles, en parte polas redes de alianza entre mulleres de varias xeracións, analiza. “As nais e as avoas que se fixeron cargo dos fillos que fomos tendo foron unha axuda imprescindible para podermos estudar, traballar etc. E tamén o foron as compañeiras coas que fomos aprendendo da man do feminismo, que nos abriu os ollos. Esta rede que se vai tecendo entre as mulleres non é material, pero é real e vainos sustentando a todas, as que xa estabamos e as que van chegando. E creo que isto foi así grazas a que comprendemos que o que nos pasaba a unha repercutía en todas e viceversa”, salienta.

“María Xosé Porteiro compara o momento actual co primeiro cuarto do século XX en termos de cambio”

María Xosé Porteiro compara o momento actual co primeiro cuarto do século XX en termos de cambio. Cando a escritora coruñesa morreu e nos anos seguintes, unha nova xeración de mulleres xa estaban a reivindicar co exemplo das súas propias vidas o dereito a seren pintoras ou cineastas, a desenvolveren calquera profesión igual cós homes, e tamén a participar na vida política como electoras e elixibles. “Neste primeiro cuarto do século XXI tamén se está a dar un cambio de paradigma espectacular que eclosiona a nivel mundial co movemento Me too. Ata agora non se vira con tanta claridade que o machismo é unha cuestión estrutural de relación entre ambos os sexos, e que que afecta a todas as mulleres, ás que viven nas favelas e tamén ás estrelas de cine”, analiza a xornalista.

A convidada de hoxe do ciclo de conversas na Casa-Museo Emilia Pardo Bazán equipara o impacto do movemento feminista na sociedade actual co que tivo no seu momento a fin do Antigo Réxime. “En termos de civilización, a igualdade de xénero fai posible unha revolución equiparable á francesa, que cambiou o modelo de sociedade e proclamou a igualdade dos homes. Ese cambio quedou incompleto na medida en que as mulleres quedaron fóra do contrato social, e é agora cando estamos a rematar ese traballo inconcluso. Penso que non só estamos a pechar un ciclo, tamén estamos a darlle forma a unha revolución non sanguenta. Esta revolución, a diferenza da francesa, non pasa por tomar a Bastilla, senón por rematar co terrorismo machista”, reflexiona María Xosé Porteiro, que recorda que Emilia Pardo Bazán foi pioneira na denuncia do que ela denominou mullerecidio.

“En termos de civilización, a igualdade de xénero fai posible unha revolución equiparable á francesa, que cambiou o modelo de sociedade e proclamou a igualdade dos homes. Ese cambio quedou incompleto na medida en que as mulleres quedaron fóra do contrato social, e é agora cando estamos a rematar ese traballo inconcluso. Penso que non só estamos a pechar un ciclo, tamén estamos a darlle forma a unha revolución non sanguenta”

Como no cambio da Idade Moderna á Contemporánea, desta volta a tecnoloxía é unha aliada. Daquela foi o vapor, agora son as tecnoloxías da comunicación. “Permítennos vernos en rede a nivel mundial, e isto fai posible que este proceso poida ir máis á présa ca nunca se puido imaxinar”, conclúe.

Outros artigos