Máis de 1.600 ferramentas líticas do Paleolítico foron recuperadas no Porriño

Durante os traballos de investigación no xacemento das Gándaras de Budiño

O Porriño | O equipo de investigadores liderado polos arqueólogos Eduardo Méndez-Quintas e Manuel Santonja, da Universidade de Vigo e do Centro Nacional de Investigación sobre a Evolución Humana (CENIEH), retoman estes días os traballos de investigación das Gándaras de Budiño, o xacemento paleolítico máis importante e antigo de Galicia.

Esta sería a terceira intervención na zona, e a primeira dende que se determinou que os niveis máis antigos do xacemento datan de máis de 310.000 anos e se confirmou que no Porriño viviron os primeiros habitantes de Galicia.

Os traballos, que contan co apoio económico do Concello do Porriño, consistiron na última campaña nunha excavación dun área de 30 m cadarados, que complementaban a fase de sondaxes arqueolóxicos de 2018 que deu valiosa información sobre as condicións de formación dos depósitos xeolóxicos e, sobre todo, das densas acumulacións de ferramentas líticas que se atopan no lugar. E é que se trata dun xacemento de referencia para Galicia tras o seu descubrimento en 1961 por Emiliano Aguirre, reputado arqueólogo impulsor do proxecto de Atapuerca.

Naquel momento determinouse erroneamente que tiña unha antigüidade duns 26.000 anos, algo que levou a concluír que no noroeste da Península Ibérica existía un paleolítico anacrónico e tardío respecto do que acontecía no resto do suroeste europeo e consolidaba a equivocada idea do atraso secular de Galicia.

Nesta pequena superficie recuperáronse xa 1.623 artefactos líticos, entre os que destacan abundantes exemplos de bifaces e outras pezas características do tipo achelense.

O alcalde Alejandro Lorenzo, acompañado polo concelleiro Marcos Martínez, visitou hoxe o xacemento para interesarse polo desenvolvemento dos traballos e incidiu no “valor cultural e patrimonial que estes teñen para O Porriño xa que nos axudan a escribir a nosa historia e tamén, en gran parte, a do resto do mundo”. Incidiu o rexedor en que a man do Concello estará sempre tendida para “que continuedes coa investigación e a posta en valor deste tesouro que gardou a nosa terra durante séculos”.

Os traballos desta terceira fase concluirán este venres e, en colaboración co Concello do Porriño, os nenos e nenas do campamento municipal participarán nunha visita guiada para coñecelos. Ademais será tamén unha xornada de portas abertas na que todo aquel que queira coñecer de primeira man a excavación poida facelo guiado polos arqueólogos que dirixen o estudo.

Marcha Mundial das Mulleres a Louriña denuncia agresión nas Festas e San Campio
Como Marcha Mundial das Mulleres da Louriña queremos facerlles chegar o noso comunicado en contra da presunta agresión a unha muller nas festas de San Campio en Pontellas, O Porriño:

Este martes 18 de xullo, erguémonos coa peor noticia posible nun contexto de festas: un grupo de homes, presuntamente, agrediu unha moza na festa de San Campio en Pontellas, O Porriño.

Esta mañá do mércores, finalmente, os medios fixéronse eco dos feitos, pero ou aparecen xulgando a forma de actuar da vítima ou mudan a data dos feitos para que non se cuestione que as festas seguisen. Houbo unha clara tentativa de silenciamento a pesar da gravidade dos feitos.

A Marcha Mundial das Mulleres da Louriña quere mostrarlle o seu apoio á vítima: nada do que fixeses ti ou calquera muller xustifica que un home ou grupo de homes nos violenten. O inxustificable é a violencia e a agresión.

Vivimos nuns momentos en que se volve cuestionar a violencia de xénero sistémica que as mulleres padecemos polo simple feito de sermos mulleres. Non podemos quedar impasibles ante isto.

Un lecer baseado na inxesta de alcol e en espectáculos que cousifican as mulleres non axudan. Unha comisión de festas que nin se pronuncia ante uns feitos tan graves, tampouco. Un concello en silencio ante a alarma que xerou entre a veciñanza, menos.

É necesario que o concello habilite puntos lilás de referencia para as mozas nestes macroencontros, porque, por se quedaban dúbidas, non son seguros. Agora é a vez de que as forzas de seguridade e a xustiza actúen. Sexa como for, a loita feminista continúa e hoxe toma pleno sentido o berro de que “se tocan a unha, tócannos a todas”.