• Segue conectado
  • |

Macron e a Europa.

Como xa prognosticamos hai quince días gañou Macron moi amplamente. O escrutinio ao 77% dálle a Mme. Le Pen o 36,6 dos votos fronte ao 63,4% de Emmanuel Macron. Moi pouca colleita extremista para tanto balbordo, cando amplos sectores (fálase do 20%) da dereita dura de Fillon xogaron á extrema dereita e un irresponsábel sector da esquerda de Mélenchon amosaron unha equidistancia merecente da reprobación do conxunto dos demócratas.

Vencido (polo de agora) o feixismo, compre ollar para o trunfo deste Presidente sen partido. Esquerda, centro e dereita democráticas aliñáronse a carón deste Presidente, o máis novo dende o corso Bonaparte. Mal menor? Moi probábelmente. Un candidato que medra do 24% ao 64% entre a primeira e a segunda volta suma por exclusión. É evidente.

Macron ten agora dúas prioridades. A primeira deseñar unha estratexia cara ás eleccións parlamentarias de xuño. Cál será a súa aposta? O esquerdista alternativo Mélenchon pode acadar a maioría na segunda volta en moitos distritos, mentres a dereita republicana é moi difícil que obteña un grupo potente. De calquera xeito, semella que Macron non ten tempo de cooptar candidatos parlamentarios gañadores.

Máis voltas ten a pegada que poida causa Macron na nova Europa. Descontado o tempo de impasse das lexislativas francesas de xuño e as eleccións xerais alemás de setembro, Macron ten a lexitimidade de lle dar pulo a unha anovada federalización da Europa, de construir un discurso da unidade europea que lle opór ao brexit, mais tamén ao depresivo relato dos primeiros ministros húngaro, polaco e español ou á ollada curta dos ministros de Finanzas holandeses, fineses ou alemáns. Os liberal-demócratas do flamengo Gy Verhofsdatd ou do FDP alemán e o Partido Demócrata italiano, outravolta dirixido polo fiorentino Matteo Renzi, de seguro estarán ao seu carón nesta andaina.

A arrincadeira. Alberto Rivera e Macron.

Poucas ocasións mellores para dar o espectáculo ca a autocomparanza entre os cidadáns Albert Rivera e Inés Arrimadas e o presidente eleito Emmanuel Macron. Nin C’s nin UPD encaixan no esquema liberal-demócrata europeo, onde fan parte o PNV e o PDCAT, a antiga Convèrgencia. Semella que en Bruxelas xa se decataron e porán aos laranxiñas no seu sitio, máis cedo ca tarde.


Advogado. Colabora en varios medios galegos.
Publicado o 8 Mai 2017.
AVISO: Esta entrada ten máis de seis meses dende a súa publicación. É posible que o contido esté desactualizado.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies