O Barco de Valdeorras | Xosé Merelles Remy, director de Turismo de Galicia, participou hoxe na presentación da popular competición ‘La Vuelta’ que, co apoio da Xunta, este 2025 se desenvolverá do 23 de agosto ao 14 de setembro e que estará composta en total por 21 etapas que cubrirán unha distancia de 3.151 quilómetros.
Merelles salientou “o potencial dos eventos deportivos como escaparates para achegar os recursos turísticos da terra a un novo público, tal e como recolle a Estratexia 2030”. Lembrou tamén a achega do turismo deportivo ou turismo activo á comunidade, destacando que “se trata dunha modalidade que moi frecuentemente se integra con outras propostas, como o turismo de natureza, o rural ou o enogastronómico”. Ademais, incidiu na modalidade do cicloturismo, unha oportunidade estratéxica para a aposta de Turismo de Galicia pola diversificación e sostibilidade na oferta.
Ademais, o director de Turismo referiuse ao importante impacto mediático de eventos deportivos desta magnitude subliñando que contribúen a “reforzar nacional e internacionalmente Galicia como destino”. Así, salientou os máis de 17 millóns de espectadores que viron a proba nalgún momento por televisión e os 23 millóns de visitas á web oficial. “É unha proba que se sigue en máis de 180 países”, dixo.
Etapas en solo galego
Do total das 21 etapas que compoñen esta edición de La Vuelta , tres desenvolveranse por solo galego. En concreto, o paso por Galicia deste certame será entre o 7 e o 10 de setembro. O día 7, na etapa 15, o grupo de competidores entrará na comunidade desde Asturias, no tramo A Veiga/Vegadeo-Monforte de Lemos.
Tras dunha xornada de descanso, a competición retómase o día 9 coa etapa 16, que vai de Poio a Mos -rematando en concreto no Castro de Herville-. O día 10 de setembro, ‘La Vuelta’ despídese da comunidade galega coa etapa 17, que por primeira vez sairá desde O Barco de Valdeorras para chegar, 143 quilómetros despois, ao Alto de El Morredero, xa en Ponferrada.
Luís Menor Pérez, presidente da Deputación de Ourense, sinalou que para a institución provincial a comarca de Valdeorras é un “obxectivo estratéxico”, polo que iniciativas coma esta permitirán seguir “colocando a esta comarca dinámica no mapa”. Ademais, resaltou o “factor de reclamo e promoción de primeiro nivel para a práctica do deporte” que supoñerá o paso da Volta por Ourense.
“Ourense debe continuar loitando por ser sede de grandes eventos nacionais e internacionais”, incidiu o presidente provincial, que lembra que a Deputación destina un total de 800.000 euros para o impulso da provincia como territorio de acollida de importantes eventos deportivos.
O presidente provincial lembrou a “vinculación no tempo” da Volta coa provincia, xa que pasou por primeira vez por terras ourensás en 1980 e, desde entón, esta proba tivo saídas de etapa, percorridos intermedios e chegadas na provincia e na capital en 11 ocasións.
Alfredo García, alcalde de O Barco, manifestou a “plena satisfacción” de ofrecer aos veciños da comarca “un evento como é esta etapa da Volta”. Ademais, agradeceu o apoio da Deputación como “factor fundamental” para que esta saída prodúzase en Valdeorras. Javier Guillén, director da Volta, puxo en valor as “facilidades” da Deputación para permitir que esta etapa número 17 celébrese con saída no Barco e definiu A Volta como “máis que un evento deportivo, unha plataforma que chega a 190 países con audiencias de máis de 400 millóns de espectadores que coñecerán a provincia de Ourense”.
Auga e montaña
En canto á etapa con saída desde O Barco, os organizadores explicaron que se trata dunha etapa de “auga e montaña”, en concreto trátase da penúltima etapa de montaña da Volta. “É un terreo duro que convida á batalla, 144 quilómetros de moita intensidade”, sinalou Guillén. Esta etapa 17 acaba no alto do Morredero (Ponferrada)
A edición 2025 da Volta a España comezará o 23 de agosto en Turín (Italia) e finalizará o 14 de setembro en Madrid. Serán 21 etapas en total, cubrindo unha distancia de 3.138 quilómetros.