Juáncho, escritor de raíces mosenses, presenta o seu libro “Na procura do medo esquecido”

Editado por Galaxia e co apoio do Concello de Mos

Mos | Esta tarde celebrouse no Pazo de Mos a presentación do libro “Na procura do medo esquecido” Catálogo de criaturas mitolóxicas e fantásticas de Galicia, á que asistiron Juáncho, autor da obra (de ascendencia mosense), Diego Giráldez, escritor da Editorial Galaxia, Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia, Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos e Sara Cebreiro, concelleira de Participación Cidadá e Cultura e Turismo.

Foi un acto moi emotivo pois ademais do libro, Juáncho falou das súas raíces mosenses, dos seus avós María e José que rexentaban a “Panadería de José Vicente” en Sanguiñeda e de moitas máis cousas incribles relacionadas co libro e con Galicia.

“Desde o Concello de Mos anunciouse que a administración local adquirirá exemplares deste libro para que estean presentes en todos os colexios e demais centros educativos do municipio”

Desde o Concello de Mos anunciouse que a administración local adquirirá exemplares deste libro para que estean presentes en todos os colexios e demais centros educativos do municipio, así como nos centros culturais das parroquias e na Biblioteca Municipal. Para que esta fermosa obra de arte sobre a tradición galega estea ao alcance, e poida ser coñecida, por toda a poboación interesada nela; e que poida empregarse en CEIPs e Escolas Infantís como ferramenta didáctica.

A obra: “Na procura do medo esquecido”
Perder o medo é un exercicio inútil de soberbia porque sempre nos rolda. Nesta obra réndese homenaxe a algúns deses seres que levan dando medo durante moitos séculos e hoxe vagan polo noso esquecemento. A natureza aparece como protagonista, pois pon o escenario, a luz e os personaxes principais no seu deambular polas nosas almas. Nas encrucilladas acotío moitos ollos presencian, e logo contan, o que acontece. Feitos extraordinarios narrados dun xeito sinxelo, directo e coloquial.

O autor
Juáncho é licenciado en Publicidade e Relacións Públicas pola Universidade de Vigo (2004) e conta co Ciclo Superior de Artes Plásticas e Deseño en Gráfica Publicitaria da Escola de Arte e Superior de Deseño de Ourense (2001). Nacido no Porriño en 1977, dende cativo foi unha persoa moi inqueda e gustoulle relacionarse coa cultura, a arte e a ilustración. É un apaixonado do debuxo e da banda deseñada, e de aí que, en 1996, fundase e coordinase un fanzine que dinamizou dende O Porriño, e que contou con colaboracións de artistas de toda Galiza. Era o Comikaze, unha publicación aperiódica de BD que se prolongou ata 2005.

Ao longo das súas oito edicións, o fanzine chegou a albergar colaboracións de artistas da categoría de Emma Ríos e tentou ser soporte para dar visibilidade a novos talentos. Crea, en 2008, un estudio de comunicación (publicidade e ilustración) no Porriño, que leva por nome: “juáncho DEBUXA & DESEÑA”. Nestes máis de dez anos traballou e colaborou con clientes de distinta entidade e natureza como a Universidade de Vigo, o Festival de Cans, o Festival Reperkusión, a Festa da Rosa, a Festa de Arde o pazo, e mesmo o disco-libro, María Fumaça.