Joder, que tropa!!!!

A expresión que da título a este comentario –editorial ou como Vdes. queiran denominalo- foi pronunciada polo Conde de Romanones: político, empresario e terratenente español que obedecía ao nome de Álvaro Figueroa y Torres. Monárquico ata a médula, foi ministro en cáseque todos os ministerios, presidente do Goberno e do Senado. Acompañou ao rei Alfonso XIII na súa saída de España e logo voltou ás Cortes.

Pero a famosa frase que pasou á historia pronunciouna co gallo da súa intención de entrar na Real Academia.

Varios membros da mesma aconselláronlle que debería facer unha visita aos demais membros e solicitarlle, dalgún xeito, o seu apoio. Cousa que fixo. Obviamente, todos lle aseguraron o voto polo que o dia da votación estaba seguro de saír elixido.

A súa sorpresa maiúscula produciuse cando o seu secretario se lle achega e dille “Excelencia, tráiolle unha mala noticia, non gañamos”. “Pero cantos votos sacamos?”, preguntou Romanones: Ningún, respondeu o secretario. Pero se todos me aseguraron me ían votar…Joder, que tropa!!! Foi a resposta do político traizoado polos que lle prometeran o voto.

Na política actual e na de sempre este tipo de casos danse con demasiada frecuencia. Claro que non chegamos a coñecer tódolos casos porque os protagonistas non o fan público por vergoña. Xa é de dominio público aquela frase que se lle atribúe a Cabanillas de “cuerpo a tierra que vienen los nuestros”, ou ben aquela outra que tamén se di ten a Churchill como autor orixinal de “existen amigos, enemigos y compañeros de partido”.

Maquiavelo deixou escrito: “Eu non digo nunca o que creo, nin creo nunca todo o que digo, e se se me escapa algunha verdade de vez e cando, escóndoa entre tantas mentiras que resulta difícil recoñecela”.

Foi un personaxe que non perdeu vixencia. Hoxe podemos apreciar como se compren as súas recomendacións sobre a vida política. Precisamente polos seus coñecementos dos clásico gregos e latinos conseguía o favor dos políticos de turno. Isto non o librou de ser perseguido, encarcerado e ata condenado a morte por traizón. Foi entón cando decide retirarse ao campo e alí escribir o seu libro famoso “El Príncipe”, no que verteu todos os seus coñecementos sobre a política mandando copias ao Médicis para conseguir o seu perdón que finalmente non consegue.

Cando un político se comporta dunha maneira pouco honesta e non ten reparo en traizoar aos seus compañeiros de partido sempre se di que ten ideas maquiavélicas tal foi a influencia de Maquiavelo no eido da política e das relacións entre o Poder e os súbditos ou cidadáns.

Frases como: “Los príncipes (léase os políticos) deben executar por medio de outros as medidas que poidan acarrearlles odio pero executar por si mesmos aquelas que lle reporten o favor dos súbditos (cidadáns). Isto vémolo tódolos dias. O cargo político que está no cumio non se molla; manda aos subalternos que se enfronten aos cidadáns sobre todo cando estes están cabreados por algunha chapuza que lle chega dende o Poder político. Sen embargo, cando se trata de recibir os aplausos do éxito que os seus subalternos traballaron e conseguiron, entón é cando aparecen saudando, dando bicos aos nenos e ofrecendo o seu sorriso máis hipócrita.

As inxustizas, dicía Maquiavelo, hai que facelas todas a vez a fin de que, por probalas menos, fagan menos dano, mentres que os favores deben facerse pouco a pouco para que poidan ser máis apreciados.

“Nestes momentos están comezando os “preparativos” cara as vindeiras eleccións municipais en todo o Estado. O patio xa anda revolto”

Nestes momentos están comezando os “preparativos” cara as vindeiras eleccións municipais en todo o Estado. O patio xa anda revolto; xa se teñen presentados os candidatos e xa están facendo promesas.

Cal vai ser o papel que debamos xogar neste xornal para que todo saia ben? Con Maquiavelo ou sen Maquiavelo.

Mestre retirado. Realizou estudios de Filosofía e Letras, Dereito e Ciencias Políticas, Francés e Galego. Un dos fundadores da UCSTE, foi membro do consello nacional do «Movemento de Mestres». Fundador de «A PENEIRA» (1984). Director de «Novas do Eixo Atlantico»