III Festival solidario de Cáritas Louriña

Será este 8 de marzo no Auditorio Municipal de Salceda

Salceda de Caselas | A Igrexa de Santa María de Salceda foi o escenario escollido para a presentación do III Festival Solidario de Cáritas Arciprestal Val da Louriña, que se realizará o vindeiro 8 de marzo ás 18.00 horas coa participación dos Concellos de Salceda de Caselas, O Porriño e Mos.

Cáritas Louriña, coa colaboración dos tres Concellos, leva organizado diferentes eventos nos últimos anos nos tres municipios, e nesta ocasión Salceda será a sede para o III festival solidario que se celebrará no Auditorio Municipal. O evento contará coa actuación do grupo O Serán de Salceda, o grupo Donicelas tamén de Salceda, e o grupo de teatro A pedra do cabalo de Celeiros (Ponteareas) coa obra A pantasma de papá.

A entrada ten un custo de 3 euros para todas as persoas maiores de 10 anos, sendo gratuíta para a cativada. Tamén se aceptan donativos a través do número de Bizum 08323 incluíndo o concepto “FESTIVAL”. Non se habilitará venda anticipada, polo que as persoas que desexen asistir ao festival deben facerse coa súa entrada o mesmo día do evento na taquilla, ata completar aforo.

A recadación do III festival solidario irá destinada a sufragar os gastos da actividade social de Cáritas no Arciprestado da Louriña. Cáritas Parroquial atende na Louriña a 70 familias. Co fin de centrar nas persoas a atención, nos últimos anos cambiou o seu tradicional modelo de axuda social de doazón de alimentos e roupa por un novo sistema de entrega de tarxetas económicas.

Tal e como indican, desta maneira dignifican o proceso de atención e responden mellor ás necesidades e particularidades dos seus usuarios/as. Ademais ofrecen nas súas parroquias de Salceda de Caselas, O Porriño e Mos obradoiros de formación e búsqueda de emprego, atención a maiores, obradoiros de costura, memoria e acollida e acompañamento como acción central.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.